Grazas, cines de Cee; grazas, Michael

Guadalupe Vázquez Formoso LABIRINTO NAS SOMBRAS

CEE

Guadalupe Vázquez, logo de ver Michael nos cines de Cee
Guadalupe Vázquez, logo de ver Michael nos cines de Cee .

Este mércores saín dos cines A Xunqueira de Cee sentindo vibrar en cada célula do meu corpo aquel obsequio de maxia que me transportou aos meus 16 anos: a aquelas carpetas de 2.º de BUP forradas de imaxes do Gran Mago Solitario, a aquelas tardes de estudo escoitando no walkman esa maneira divina de contar e cantar as cousas, á miña forma de integrar o gusto por Michael no meu día a día, na miña propia identidade adolescente. Michael Jackson era un ser que co seu talento disciplinado e incomparable transformaba a música en marabilla. Alma profundamente sensible, inmersa na soidade máis abrumadora, a súa vida foi a loita incesante dun neno atrapado no corpo dun xenio que converteu os escenarios en refuxio e a dor dunha infancia roubada nunha forza creativa que o levou a ser a superestrela global máis grande da historia. A súa fraxilidade emocional era tan inmensa como o seu talento, e deixounos, así, un legado inmortal que, persoalmente, non podo menos que agradecer. «Sen música, a vida sería un erro», dicía Nietzsche, e así o comparto eu. Igual que comparto a tristeza polo peche deste lugar cálido onde sempre houbo unha luz acesa agardándonos: os cines de Cee.

A desaparición dos nosos cines supón a perda dunha parte importante da cercanía cultural de Cee. É unha labazada que traerá un indiscutible impacto negativo na vida social, económica e comercial da vila. Os cines son motores de atracción para calquera centro comercial. Este peche supón a perda directa de postos de traballo (nunca mellor dito que hoxe, no Día do Traballador) e un indubidable empobrecemento da oferta de ocio e cultura que nos deixará un baleiro difícil de encher.