IN MEMORIAM | A Javier. Sempre con nós

María Canosa
María Canosa IN MEMÓRIAM

CEE

ANA GARCIA

13 feb 2021 . Actualizado a las 10:31 h.

Javier deixounos hai uns días. Non se foi, arrincóunolo a enfermidade. Doe este roubo de vida coma doería que nos segasen un brazo, unha perna, o corazón.

Javier é parte da infancia, adolescencia, madurez e vida de meu pai. Sempre á par. Sempre coidando un do outro. Para calquera cousa, el. Necesito isto, vou ata onde Javier. Que pasaría aquí? Hai que preguntarlle a Javier. Anda, mira o que acabo de saber. Vou chamar a Javier. Son palabras de papá, que sempre dixo: «Non abría aínda a boca para pedir e xa estaba ao meu lado». É a mellor definición da amizade que pode haber e el o mellor amigo que pode existir.

Nas anécdotas máis divertidas, aí estaba. Nos momentos máis duros, tamén. Nobre, honesto, honrado, co bo humor ás costas. Sempre cun sorriso e disposto para axudar. Entrabas no seu negocio e xa te vía desde o lonxe. Aí viña.

Escribo estas liñas na mesa que hai apenas unha semana, nos viñeron traer da súa moblería, da súa ferretería... da súa casa. Como imos entrar agora aí e non verte?

Non hai en Cee quen non saiba quen é Javier, de Casa Lado, unha empresa case centenaria da que era piar. Tampouco quen non o defina coma un bo home, un home bo. Familia e amigos ficamos desolados. A ferida acabará pechando, pero a cicatriz da túa perda vai ser eterna. Só reconforta saber que descansas e que levas tanto amor como deixas espallado.

Javier podería facer a árbore xenealóxica de todas as familias da vila, porque el é memoria deste pobo. E agora, quedará tamén por sempre na nosa memoria, no noso corazón.

Sempre estarás con nós.