Á alcaldesa de Cee

La oposición TRIBUNA ABERTA

CEE

Ao inicio do mandato pensabamos que a forma de proceder da nova alcaldesa transcorrería pola senda do respecto. Nada máis lonxe da realidade.

Iniciouse un mandato que supón unha volta ao lamelismo máis rancio, marcado polo ordeno e mando, do dedo incorrupto da líder, pero en ausencia da corrección da que facía gala «papá» Lamela.

Non tolera dona Margarita as opinións contrarias, provocando nela reaccións iracundas e levantamentos de sesións cando non ten saída ou está cansa de escoitar as argumentacións dos concelleiros da oposición. Queixase de que non falamos cando ela quere. Era o que faltaba por escoitar. Facémolo cando o consideramos oportuno e cando vai a ter mellor difusión para que a mensaxe chegue aos veciños. Ten que entender que nós non temos, coma ela, as redes sociais do Concello á nosa disposición, nas que se permite saír retratada cun bocadillo de polo na man, na terraza da alcaldía para transmitir que o traballo impídelle comer de xeito normalizado.

É verdade que lle dedica moitas horas, tamén falta lle fan, aínda que sería mellor que tivese un proxecto para Cee, ademais da obsesión pola limpeza. Ao longo deste ano e medio de mandato berroulle en varias ocasións ao voceiro do BNG coma a un rapaz na escola, chamou ignorante ao voceiro do PP, afirmou na radio que o voceiro de Ciudadanos non estaba cualificado para ser alcalde, fixo diferentes insinuacións de corrupción ao voceiro de IxCEE, esquecendo a súa participación, máis ou menos activa, nas denuncias que deron lugar a algún dos múltiples procesos que tivo que sufrir, saíndo absolto ou arquivándose tódalas causas. No último pleno, na intervención da concelleira Pilar Iglesias, levantou a sesión de xeito airado e unha vez que ordenou a responsable das redes sociais que apagara a gravación, ameazou a Pilar Iglesias dicíndolle que lle tiña preparadas unhas cantas cousas para máis adiante. Esta é a actitude da nosa alcaldesa, que se queixa nos medios das formas de facer política da oposición e de presuntas confabulacións que só están na súa mente paranoica, e que de producirse serían seguindo os cauces democráticos e na procura do interese xeral. Antonio Domínguez (PP), Ramón Vigo (IxCee), Serxio Domínguez (BNG) e Juan R. Hermida (C’s).