De Pazos a Montevideo


Contactei hai un tempo con Carme M. a través das redes sociais. Ao comezo, non lograba ubicarme, ata que me presentei como a neta daqueles amigos seus da súa infancia en Pazos. Seguidamente, comezamos a falar. Díxome que gardaba os máis tenros recordos daqueles anos antes de emigrar no ano 1962.

Unha das historias que me narrou foi a do cura dos Baos, que disque morreu aló polo ano 60 ou 61, segundo rememora. Don Isolino Caamaño morreu un día no que o Río Xallas desbordaba pero, contra todo prognóstico, unha comitiva de garridos homes atreveuse a pasar o seu cadaleito nun carro de vacas pola Pontella. Levárono á Picota e de alí transportárono nun camión ata unha aldea de Cee, onde nacera, para o seu enterro. Un cura que, segundo contan, recibírase moi tarde pois tivera que ir traballar a Cuba para buscar financiamento para os seus estudos.

Don Isolino Caamaño faleceu antes de que chegase aquel progreso que vaticinaban (que moito máis aínda tardou en chegar), antes de que as corredoiras se convertesen en estradas ou antes de que a auga sepultase as casas por sempre. Carmen tamén marchou antes da construción do encoro, cando volveu no ano 1974 xa non quedaba nada do que fora a súa aldea.

Mais falando con ela, decateime que na memoria de moitos perdura o verdadeiro pobo, ese que transcende máis aló do material, o patrimonio simbólico, que perdura en cada persoa que habitaba nesta parroquia. Non se enganen, as aldeas son a xente, non as casas.

Para que despois falen da trivialidade das novas tecnoloxías. Eu e Carme, dúas mulleres separadas xeracionalmente e fisicamente, logramos por uns intres acurtar os milleiros de quilómetros que separan Galicia do Uruguai.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

De Pazos a Montevideo