«Nótanse os cambios no programa, agora é máis áxil e dinámico»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana García

Verónica Couto e Fran Rodríguez repasan case dous anos de traballo en conxunto en Radio Voz, ademais das mudanzas na programación

23 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas semanas leva xa Radio Voz Bergantiños estreando programación. Cun espazo máis áxil e dinámico e apostando polo directo a pé de rúa, Verónica Couto (Cabana, 1991) e Fran Rodríguez (A Coruña, 1975) conducen Voces de Bergantiños de luns a venres de 10 a 12 horas (99.8 e 96.4 en Carballo, 94.2 en Cee e 99.5 en Vimianzo).

-Moitas novidades presentaron en setembro. ¿En qué consisten?

-[Verónica]. Pois a primeira hora do programa pasa a estar destinada a informativos e actualidade xeral, e a segunda ten un toque máis ameno, con temas festivos, ocio, culturais e deportivos. Máis que nada o que se fixo foi comprimir un pouquiño máis as seccións que xa había e reorganizalas de novo ofrecendo máis temas de interese cidadán e achegando a radio aos oíntes para abordar os temas que a eles lles interesa.

-[Fran]. Nótanse moito os cambios: o programa é máis áxil e dinámico.

-[Verónica]. O Cita co Concello, por exemplo, dura agora 15 minutos e non 30, como antes.

-Apóstase, logo, por unha radio máis dinámica.

-[Verónica]. Si. Hai que facer unha aposta por temas de interese e centrarse nos asuntos que teñen unha maior importancia para os oíntes.

-Tamén as conexións en directo pasan a gañar relevancia.

-[Fran]. Si, é a mellor maneira de informar á xente, estando no foco do que acontece na vida das nosas vilas. A radio ten que respirar o que sucede nas rúas, o que se vive nas prazas, nos xardíns públicos, nas estradas... Os micrófonos teñen que trasladar o que se respira por aí fóra.

-A bolsa de traballo está a ter tamén moi boa acollida.

-[Verónica]. A verdade é que recibimos bastantes ofertas e a xente interésase moito por elas e chámanos preguntando. Hai que destacar tamén que é un servizo gratuíto, que calquera pode poñer aquí as súas ofertas e demandas.

-¿Como é a resposta dos oíntes?

-[Verónica]. Moi boa. Hai espazos que teñen moitas chamadas. Iso permite unha mellor conexión coa rúa.

-Tamén teñen un bo grupo de colaboradores que pasan acotío polos micrófonos de Radio Voz. Entre elas, a regueifeira Lupe Blanco, que xa leva unha tempadiña e que se está convertendo nun fenómeno cultural na bisbarra. O domingo pronunciou o pregón da Festa da Pataca con grande éxito de público.

-[Fran]. O certo é que si. Tamén tivemos unha sección con un mago que facía trucos en directo. Outros colaboradores xa levan moitos anos. Por sinalar, por exemplo, a Luis García, que leva moito tempo tratando a fondo o tema do agro. A verdade é que temos que estar satisfeitos do grado de colaboración de todas as persoas que veñen ao estudio a aportar.