Francisco Mayán, un home adaptado aos tempos

FRAN BOUSO

CEE

Cúmprense cen anos do nacemento deste investigador e profesor nacido en Cee

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte cumpríronse cen anos do nacemento de Francisco Mayán Fernández, catedrático de Xeografía e Historia, investigador e profesor, nacido en Cee o 30 de setembro de 1916. Francisco Mayán foi un home metódico e traballador, incansable pescudador da historia dos lugares que habitou ao longo da súa vida, desde o seu Cee natal ata o Mondoñedo onde residiu durante medio século, pasando por Villablino (León).

Despois de recibir a súa formación inicial na vila na que naceu, obtivo o título de bacharel na Coruña no 1934, ano no que se matricula na Facultade de Filosofía e Letras (sección de Historia). O seu prestixio era tal que antes de rematar a carreira foi nomeado profesor no colexio “Fernando Blanco” de Cee. Mentres exerce como docente, Mayán continúa a súa formación universitaria ata acadar en 1939 a máxima cualificación no exame final de reválida que comprende toda a carreira de Xeografía e Historia e o Premio Extraordinario de Historia outorgado en Santiago.

Na Real Academia Galega

Un ano máis tarde faise posuidor do título de Doutor en Filosofía e Letras (sección Historia) en Madrid, lugar no que se lle outorgou unha bolsa do Instituto Balmes de Socioloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas e exerceu como profesor axudante de clases prácticas de Historia Antiga de España na Universidade Central de Madrid. Por aquela época tamén foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega.

En 1946 é destinado ao Colegio Carrasconte, de Villablino, onde exerceu durante sete anos como profesor e director. Alí, ademais de desenvolver un destacado labor docente, levou a cabo unha notable actividade social e cultural entre a que se debe destacar a creación da biblioteca municipal da localidade.

1953, ano da súa chegada

Chegou a Mondoñedo en 1953 como docente titular de Xeografía e Historia do instituto do que foi director desde aquel momento ata a súa xubilación. O seu labor académico foi moi valorado, así en 1957 recibiu o Premio Nacional de leccións modelos de Xeografía e Historia, outorgado polo Instituto de Formación do Profesorado, a Cruz da Orde Civil de Afonso X O Sabio (1960) e o Premio de Colexiado distinguido do Distrito Universitario de Santiago. Sobre Mondoñedo e a súa contorna ten publicados numerosos traballos entre os que cabe citar Gonzalo, el Obispo Santo (1955); El Mariscal Pardo de Cela, a la luz de una nueva documentación histórica (1962); Breve Guía Histórico-Artística de Mondoñedo (1975); Manoel Ledo Bermúdez, O Pallarego: Un dos meirandes amigos de Álvaro Cunqueiro (1991) ou Historia de Mondoñedo, desde sus orígenes hasta 1833 en que dejó de ser su capital de Provincia (1994).

Das súas publicacións referidas a Cee temos que lembrar: Los franceses en Cee (1941; El arquitecto gallego Domingo Antonio de Andrade. Su vida y obra (1942); Breve historia de la villa de Cee (1972) e Domingo Antonio de Andrade, hijo ilustre de Cee (1990).

En 1993 foi nomeado académico correspondente da Real Academia de la Historia, no ano 2002 recibiu a Medalla Fernando Blanco do Concello de Cee, e en 2001 é nomeado Cronista oficial de Mondoñedo, cargo no que sucedeu a Xosé Díaz Jácome e precedeu a Antonio Reigosa. O 5 de setembro de 2010 faleceu en Lugo a falta de poucos días para cumprir os 95 anos.