A federación Autismo Galicia iniciou onte en Cee o programa «Coidamos-TEA»
15 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Xustamente onte, no mesmo día no que a Consellería de Cultura e Educación presentaba o primeiro protocolo para o alumnado con Transtorno do Espectro Autista (TEA), a Federación Autismo Galicia poñía en marcha na Casa de Cultura de Cee o proxecto Coidamos-TEA. É un programa que tocará as catro provincias galegas, sendo os concellos-sede Cee, Ponteareas, Burela e Monforte. Ata a vila da Xunqueira desprazáronse Cristina Couto, psicóloga e coordinadora; e Laura Segade, traballadora social. Couto fala da iniciativa, financiada pola Fundación Barrié e a Fundación Reviravolta, e que ten como obxectivo proporcionarlle ás familias das persoas con TEA un lugar de encontro onde obter información profesional e especializada para unha mellor atención. Aínda sendo Cee a sede, participan os municipios de Muros, Corcubión, Camariñas, Santa Comba e Mazaricos.
-¿Por que este programa? ¿Detectouse unha necesidade
-A Federación Autismo Galicia fixo un estudo de prevalencia. Víronse zonas xeográficas que non tiñan servizos específicos, a pesar de haber prevalencia, e decidiuse prestar apoio [di que en Cee xa había un bo número de familias identificadas]. A primeira reunión foi en setembro do 2015 e a partir de aí creouse unha rede, polo que se optou entón por seguir traballando.
-¿Son sesións con continuidade?
-Si, de marzo ata setembro. A novidade este ano é que, a maiores do traballo coas familias, tamén haberá a partir de maio encontros con profesionais.
-¿Que tratarán nos encontros?
-As necesidades das persoas con TEA [apoio no fogar, aprendizaxe, xogos, habilidades sociais...]. É algo moi específico e cada caso é único, pero pódense compartir experiencias. Por iso se estableceu tamén que fose un grupo pequeno: non pretendemos que sexa unha charla formal, senón un encontro no que afloren sentimentos, experiencias... Do que se trata é de empoderar familias e Administración local para unha mellora de servizos [os interesados poden anotarse no 981 589 365].