«Este ano quixemos que o Día da Muiñeira fose aínda máis grande»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A 36.ª edición do encontro reunirá o domingo en Carballo a 17 asociacións

31 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando comezou a bailar, Bárbara Vilariño Porteiro debía ter uns tres ou catro anos. Era nena. Carballesa da rúa Vila de Noia, empezou a facelo nun grupo da Brea, de onde eran seus avós, e cando se desfixo pasaron a Nemeth. Hoxe, Bárbara, nacida no 1993, é a vicepresidenta desta última entidade, unha asociación que ten preparada para este vindeiro domingo a 36.ª edición do Día da Muiñeira en Carballo. Nemeth mudou este curso de xunta directiva e ao fronte dela atópase Lelo Campos, mais é Bárbara quen xestiona as chamadas para este encontro: «Facémolo un pouco entre todos», explica.

Tendo os anos que ten, é evidente que non puido coñecer aquelas primeiras edicións do encontro, pero si ten recordos xa de moi nena participando. «Este ano quixemos que o Día da Muiñeira fose aínda máis grande, como é o noso primeiro ano...», abunda. Así é que están «contentísimos» pola resposta que tiveron: será a máis multitudinaria. Se todo vai ben, o domingo haberá na capital de Bergantiños 452 participantes de 17 asociacións diferentes, chegadas dende Carballo e a Costa da Morte, máis tamén dende Culleredo, Tordoia, Negreira, Oleiros, Arteixo ou Bertamiráns, entre outros puntos. A maiores do esforzo que fixeron en crecemento, tamén quixeron marcar algunha diferenza con respecto ao programa habitual, que consiste nun desfile dende o centro comercial e os actos posteriores na Praza do Concello, sendo o principal o baile conxunto ao son da Muiñeira de Trasmonte.

A novidade virá da man dunha muller, Lupe Blanco, regueifeira: ela será a encargada de entoar «unhas pezas en exclusiva» coas que dar comezo ás actuacións na Praza. Unha presentación especial, un pouco a xeito de pregón.

Bárbara Vilariño estuda enxeñería mecánica en Vigo, así que o traballo e os ensaios con Nemeth quedan para a fin de semana. Algúns sábados son xornadas de maratón, pero aínda así tamén queda tempo libre para o ocio. «Por suposto que aínda bailo», di a vicepresidenta de entidade sobre o baile tradicional: «Lévame gustando toda a vida e non creo que me deixe de gustar nunca». Faino «no grupo dos maiores» e di que subirse ao escenario «é unha emoción», polo feito de estar continuando cunha tradición de moitos anos, con algo «de toda a vida». «Xa temos os ensaios postos para a fin de semana porque a nosa é unha asociación de estudantes e traballadores», engade. Conta que Nemeth vai ben de saúde e que neste ano formaron un grupo de máis adultos, «un grupo de pais, por así dicilo» que está funcionando ben. Tamén teñen un «de pequeniños» no que entraron bastante novos e incluso algún integrante con diversidade funcional: «Isto é algo para todos», asegura. A ela, a afección polo baile e a música tradicional venlle de familia, de raíces: «Meus primos, tíos, pais...».

Non queda máis, pois, que seguir traballando e cos preparativos para o domingo. Agardan que non chova, de xeito que poidan estar tranquilos -lembra que o ano pasado estiveron pendentes ata o último intre-. Xa está todo practicamente listo e apenas falta incidir en detalles como o das merendas que se lle darán aos participantes. Quixeron sumarse este ano á filosofía saudable, e así contan co apoio de supermercados da zona. Concello, Policía Local e Protección Civil tamén axudan.

Horarios e participantes. As entidades que teñen confirmada a súa presenza no Día da Muiñeira de Nemeth son O Candil de Sísamo, San Campio de Cances, A Xiradela de Arteixo, Donaire de A Coruña, Raigañas de Cerqueda (Malpica), Xacarandaina (A Coruña), San Martiño de Razo, Veiga de Cotón (Negreira), Terras de Ames (Bertamiráns), Semente Nova (Perillo, Oleiros), Inllar de O Couto (Ponteceso), Santa María de Torás (A Laracha), O Fol de Neaño (Cabana), Terra de Sena (Cee), Ancoradoira de O Burgo (Culleredo), Brisas do Quenllo da Pontraga (Tordoia) e, por suposto, a anfitriona, Nemeth. As distintas agrupacións reuniranse no aparcadoiro do centro comercial Bergantiños ás 17.00 horas do domingo. Ás 17.30 darán inicio ao desfile polas rúas de Carballo ata a Praza do Concello. Alí, ás 18.00 horas, comenzarán os actos centrais, entre eles o baile conxunto da «Muiñeira de Trasmonte». Haberá merendas e agasallos para os participantes, así como diversas actuacións das entidades participantes.