Libros que tiran da creatividade e a imaxinación en Carballo

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

Sete librarías e máis a Biblioteca Rego da Balsa participarán en catro días intensos de actividades: entre o 21 e o 24 deste mes

15 jul 2016 . Actualizado a las 19:58 h.

Volve a feira da creatividade cultural de Carballo. A 11.ª edición da Praza dos Libros mudou a xullo: do xoves 21 ao domingo 24. Animación, obradoiros, presentacións, concertos... e libros. A todo lle dará inicio o pregoeiro, o humorista gráfico Xosé Lois «O Carrabouxo». Participan 7 librarías (Teldy -por vez primeira-, Brañas Verdes, Trasgo, Roget, A Lus do Candil, Ler e Couceiro), ás que hai que sumar o estand do Concello, no que se ubicará a Biblioteca Rego da Balsa. Os libros terán un 10 % de desconto e poderán mercarse de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00. O edil Marcos Trigo deulle onte as grazas á Fundación Luis Calvo Sanz, patrocinadora, polo seu continuo labor de apoio. Moncho Tasende, en representación dos libreiros, incidiu nas novidades e nos autores locais, ademais de lembrar a Agustín Fernández Paz, quen tivera participado nunha Praza. Luciano Calvo, pola súa banda, afirmou sentir orgullo polo feito de poder apoiar unha actividade en beneficio da cultura e do pobo e, ademais, sendo un programa «variado e de calidade». O alcalde, Evencio Ferrero, desexou que as novas datas sexan fonte de éxito: mudáronse pensando nos libreiros e para que non coincida co inicio do curso.

xoves 21 xullo

Comezo da Praza

11.00 • Inicio de actividades.

Burroteca

Toda a mañá • Animación infantil. Contos de Animais.

Pregón: O Carrabouxo

12.30 horas • Inauguración con Xosé Lois, «O Carrabouxo», debuxante. Actúa a Banda de Gaitas de Carballo.

Teatro na mochila

18.30 horas • Contacontos infantil con Anxo Moure.

Presentación literaria

20.00 horas • Presentación da biografía do exfutbolista do Deportivo Donato, escrita polo malpicán Héctor Pose. Acudirán os dous á Praza.

Presentación literaria

21.00 horas • A ceense María Canosa presenta a súa recente novela «DisParo».

venres 22 xullo

Todos con Sanxo

11.30 horas • Actividade creativa coa Biblioteca Rego da Balsa. Para máis de 4 anos.

Vaioviravai

18.30 horas • Concerto infantil con Oviravai. Libro-disco: «As andanzas de Paio».

Presentación literaria

20.00 horas • Poemario «Adagio por outono», do fisterrán Modesto Fraga.

Presentación-concerto

21.00 horas • A carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial presenta o poemario «Contra-acción», coa música de Serxio Moreira de compaña.

sábado 23 xullo

Obradoiros creativos

11.30 horas • Para nenos e nenas, co grupo Crea Formas. Debuxo, pintura, barro...

Vermú científico-literario

11.30 horas • Vermú científico-literario co baiés Jorge Mira, que presentará «A que altura está o ceo?». Conversa.

Concerto, animación infantil

18.30 horas • Con Servando Barreiro e o libro disco «A música das árbores».

Presentación literaria

19.30 horas • Poemario «Oso, mama, si?», con María Lado.

Presentación literaria

20.00 horas • Presentación do libro-álbum «Lémbrome», do carballés Xurxo Chapela.

Música, poesía e humor

21.00 horas • AldaoLado. Música, poesía e humor con Lucía Aldao e María Lado.

domingo 24

«Un libro, un pan»

Toda a mañá • Todas as persoas que merquen un libro nesta mañá serán agasallados cun pan de Carballo.

Presentación: receitas

12.00 horas • «As novas receitas de Benigno Campos». Cociñeiro coñecido, a súa última obra é de peixes e mariscos.

Sesión vermú animada

13.00 horas • Con Sofía Espiñeira e a súa banda, a partir do disco «Alá onde agroman as herba». Música e ritmo.

Concerto infantil

18.30 horas • A partir do libro-disco «Pitusa Semifusa», de Olga Brañas e a súa banda.

Colección Costa da Morte

20.00 horas • Presentación dos libros da colección «Costa da Morte», de Embora: «Reválida de sexto» (José Antonio Andrade), «Coristanco. As súas parroquias» (Evaristo Domínguez) e «Lembranzas de Malpica» (Xosé González). Esta última obra entrou en imprenta nos últimos días.

O ciclo dos elementos

21.00 • Conversa arredor dos libros «A música dos seres vivos», «Dende o conflito» e «En vías de extinción», de María Reimóndez. Con concerto de Canalé Cafuné.