Chicharrón volve cunha «Postal» en galego

Á. Palmou

CARBALLO MUNICIPIO

Ferrero, Gende, Vecino e Trigo, onte na presentación do novo disco de Chicharrón.
Ferrero, Gende, Vecino e Trigo, onte na presentación do novo disco de Chicharrón. j. m. casal< / span>

A banda carballesa lanzou onte o seu segundo disco, que será presentado mañá en directo no Pazo da Cultura

10 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo carballés Chicharrón está de volta co seu segundo disco. Alberto Vecino, Diego Gende -presentes ambos na presentación de onte-, Mar Catarina, Xurxo Meis e Rubén Domínguez proseguen con Postal pola senda do pop alternativo independente -producen Mar e Rubén a través do seu propio selo, Prenom-, pero con varios cambios significativos: as guitarras acústicas deixan paso ás eléctricas; os son máis «primitivos e viscerais» a outros «máis doces e pulidos», e o castelán é substituído polo galego.

«A lingua galega ten unha relación moi estreita coa musicalidade, ten moito potencial lírico e iso é algo que se ve nas cancións», explica Gende sobre este cambio co que esperan contribuír a normalizar a presenza deste idioma na escena do pop independente. «A musicalidade do galego -apunta tamén Vecino- é moitísimo máis ampla que a do castelán, temos máis vocais, é máis fermoso e por iso se leva usando na poesía a no arte desde o século XII».

Vecino, ex integrante de Franc3s, era o autor dos temas do primeiro disco -de feito a maioría foran compostos antes de formarse Chicharrón-, pero o compoñente coral prima nesta Postal, cuxo título tamén ten a súa explicación: «No primeiro disco partiamos de que estabamos perdidos e atopabamos o camiño e neste disco avanzamos, sabemos que estamos no noso camiño e facemos unha parada para contarlle á xente que queremos e que nos quere o que estamos vendo», conta Vecino.

O público carballés será o primeiro en poder gozar en directo deste traballo, posto que Chicharrón presentarao mañá no Pazo da Cultura (21 horas, 2 e 3 euros) cun concerto organizado en colaboración co Concello: «As Administracións poden ser como os elementos químicos; neutralizadores, retardadores, catalizadores... e eu creo que un concello o que debe procurar sempre é catalizar, provocar que as capacidades creativas da xente que reside alí se aceleren», explicou o alcalde, Evencio Ferrero na presentación do disco e o concerto, acto no que tamén lembrou como Andrés do Barro foi quen de acadar o éxito cantando en galego.

«Para nós é unha honra que Chicharrón presente o seu disco aquí e esperamos que a xente lle guste tanto como o primeiro», explicou o edil de Cultura, Marcos Trigo.