Moito máis que letras no seu día grande

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Contos, premios, lecturas, bailes, música e debuxos amenizaron a xornada dedicada a Carlos Casares

18 may 2017 . Actualizado a las 15:08 h.

Aínda que houbo varios municipios da comarca nos que da celebración do día grande das Letras Galegas só se quedaron con que era unha xornada non laborable, foron máis os que optaron por convidar aos seus veciños a gozala con actos diversos. Espectáculos de contacontos inspirados nas obras de Carlos Casares, como os que se puideron ver en Fisterra ou Dumbría -en ambos casos con Raquel Queizás como protagonista-, intercambios de libros (en Laxe), premios literarios e teatro (Camariñas) e unha cita co baile e a música tradicional (Pasarela) foron algunhas das propostas dunha xornada marcada pola auga.

Cambio de plans en Carballo

A choiva foi, precisamente, a que obrigou a un cambio de plans en Carballo. Houbo que trasladar os actos desde a praza do Concello ata a planta superior do mercado municipal, pero iso non impediu que a capital bergantiñá volvese a celebrar esta xornada co seu fervor habitual.

Veciños de todas as idades, cunha especial presenza de nenos grazas a implicación dos colexios Bergantiños e A Cristina, deron voz a Casares e a outros autores, mentres os pequenos que participaban no certame Luís Calvo Sanz, organizado pola asociación Lumieira, deixaban voar a súa imaxinación cos seus lapis e pinceis.

Este ano, ademais, a Banda Municipal de Gaitas non estivo soa no apartado musical, senón que polo mercado pasaron tamén grupos das asociacións Argazo, Arume e Nemeth e a Coral Ribeiras do Anllóns.

A música soou tamén en Muxía. O concello realizou a primeira hora da mañá unha ofrenda floral na estatua dedicada ao seu autor máis insigne, Gonzalo López Abente, homenaxeado co Día das Letras Galegas en 1971.

Unhas horas despois foi o albergue Bela Muxía o que encheu de melodías esta celebración cun concerto de Fernando Fraga e Óscar Ibáñez, que unhas horas antes actuarán tamén na homenaxe a Baldomero Cores en Cee. Alemáns, daneses e italianos, entre outros, foron así partícipes da e moitos deles quixeron levarse un recordo en forma de cedé. Non esquecerán así esta celebración das Letras Galegas.