A velocidade

VICENTE DE LEMA

CAMARIÑAS

ARA SOLIS | O |

21 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

TODOS OS días ocorre algún accidente na nosa bisbarra. Non hai xornada na que algún coche non vaia bater contra outro ou saia da estrada e vaia contra un valado, unha casa ou por un terraplén abaixo. Onte, un mozo, converteu o seu coche, un Golf novo do trinque, en chatarra. Cando hai un sinistro, a xente vólvese moi curiosa. Todo o mundo para na beira da estrada. Ás veces, a Garda Civil ten que poñerse seria para evitar as ringleiras de coches que dificultan as operacións de rescate. Non é a primera vez que os axentes teñen que ameazar con multas para despexar a zona de operacións. Hai moitos factores que contribúen a que ocorran accidentes. Un deles, e xa está moi dito, é a velocidade inadecuada. Logo hai tamén quen lle gusta mollar o peteiro de máis. Un viño aquí, un chupito acolá. E despois o sentido xa non rexe como é debido e o alcohol acaba botando a un fóra da estrada ou contra outro que ven polo seu dereito e paga moi caro o tropezo. Agora todo o mundo ten coche e quen máis quen menos viaxa habitualmente, pero hai vinte ou trinta anos non era tan doado ter un auto. Daquela había xente que andaba moito de prestado. O pago adoitábase facer en copas do brandy, cafés ou viños do Ribeiro. Tamén había quen tiraba un billete de vinte pesos no asento a modo de pago pola viaxe. Aínda o outro día me informaron de que un vello que ten un microcoche -dos sen carné- cóbralle aos veciños que leva aos enterros. Onte contábanme no banco que, nos anos sesenta, as peixeiras de Camariñas sempre lle pedían ao chofer de Autos Pombo que fose a modo porque tiñan medo de morrer. «Tamén morre moita xente na cama e máis deitádesvos nela», respostaballe o conductor.