A asociación Queiroga calcula que, mañá, domingo, sairán unhas 2.000 racións e tapas deste prato de outono
04 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • Hai xa ben anos, a primeira feira de outubro en Paiosaco (A Laracha) era de troco. Neste tempo propicio a elas, a xente levaba fabas que intercambiaba por outros produtos no mercado. Isto, lembrou onte en Radio Voz Marta Caamaño, secretaria da asociación cultural Queiroga, está detrás de que, hai xa vinte anos, a entidade decidise impulsar o primeiro domingo de outubro a Festa da Fabada. Por tanto, será mañá, un xeito de evocar estes tempos antigos en Paiosaco.
Dende as 09.00 horas
Racións e tapas de fabada empezarán a repartirse este domingo dende as 09.00 horas, e non son poucos os madrugadores que se atreven con elas. Haberá opción de degustalas alí mesmo, e incluso de levalas para a casa. «Case que son as mesmas cociñeiras dende hai vinte anos, así que todos os anos as fabas saben exactamente igual», contoulle a Fran Rodriguez. Sobre media ducia de persoas, seis-sete, encárganse dos fogóns propiamente ditos, aínda que son bastantes máis as que teñen que botar unha man á hora de servir.
O traballo, non obstante, xa vén de antes, preparar aos «400 quilos de fabas en vaina» que se servirán este domingo, por certo todas elas procedentes da mesma leira e do mesmo provedor, de Paiosaco. Desta parroquia é tamén o provedor de carne: entre costela, chourizo e demais calculan uns 100 quilos engadidos. Con todo xunto, armarán sobre 2.000 racións e tapas, a prezos sumamente populares. Marta Caamaño incidiu en Radio Voz en que, pese a que os custes destes produtos medraron, en Queiroga decidiron manter os prezos do ano pasado, que andan arredor dos dez euros por ración e dos 5.50 por tapa, bebida á parte, por suposto.
Sabido todo isto, non queda máis que achegarse mañá pola mañá ao Campo da Feira, para gozar dun dos mercados máis tradicionais da provincia, e ademais desta festa gastronómica coa que colaboran Concello e Deputación: «Penso que teremos o día ideal, nin moito frío nin calor».