A Sombra dos Soños, o novo do profesor caionés con alma de rock

La Voz CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

José Carballido, en el centro de la imagen. José Roca, segundo por la derecha
José Carballido, en el centro de la imagen. José Roca, segundo por la derecha

José Carballido lidera unha banda que lanza o seu primeiro disco, «I», este 1 de maio, e da que tamén forma parte o director do mesmo colexio larachés, José Roca. Un proxecto musical totalmente en galego

01 may 2023 . Actualizado a las 01:37 h.

Voan entre ceos de ouro os sorrisos que xogan coma nenos nunha rocha fronte o mar

[A flor e a mañá, A Sombra dos Soños]

Hai xa tempo que a José Carballido o teñen catalogado como «o profesor rockeiro de Caión». Docente de música no centro educativo desta localidade da Laracha, elixiu un día sinalado, 1 de maio, para lanzar o seu novo proxecto. E non está só, porque nesta aventura na que toman o nome de A Sombra dos Soños e na que el asume composición, arranxos, voz e guitarras, faise acompañar doutros catro músicos coruñeses cos que tocara xa anteriormente en Requiem ou en Khitara: Diego Lestón (batería), Daniel Añón (guitarras), Lalo Carnota (baixo) e José Roca (teclados), este último por certo non só docente, senón director do mesmo colexio, o CEIP de Caión. 

A Sombra dos Soños é o primeiro proxecto totalmente en galego de José Carballido. Logo da saída de catro sinxelos, este luns 1 de maio publícase o primeiro disco, I, en todas as plataformas dixitais. Gravado nos estudios Diquesí, recolle 14 pezas que se moven entre diferentes estilos de rock e metal, mais con influencias variadas: dende o rock setenteiro ata o folk galego, con pingas progresivas e mesmo acústicas. Sinte a brisa, O emigrante namorado, As tebras malvadas e A flor e a mañá, as catro pezas dispoñibles ata o de agora, evidencian o compás deste disco: textos predominantemente intimistas, afondando na alma humana dende diferentes puntos de vista co fin de entender e analizar un mundo que, non obstante, nunca é sinxelo de comprender. 

José Carballido é licenciado en guitarra polo Conservatorio da Coruña, rematando o grao superior de guitarra con Ramón Carnota como mestre e sumando formación de man de prestixiosos guitarristas e compositores. Acadou no 2002 o primeiro premio no concurso Aguillolo Rock e o segundo no festival da Canción de Ordes, no 2003, en ambos casos como cantante, compositor e guitarrista do grupo Mízar. Integrou outras formacións como Piazzolla, Dezine ou Aeternam. Foi no 2011 cando estreou a súa obra Requiem, para grupo de rock progresivo e coro clásico, por diversos teatros de Galicia. Este disco, publicado por Musea Records, foi nominado aos premios ProgAwards. Chegado o 2016, suma un EP de pezas propias co grupo Khitara, banda integrada por dúas guitarras clásicas, dúas eléctricas, caixón flamenco e voz. Todo este abano de composición e interpretación é algo que Carballido compaxina co seu traballo como docente, tendo liderado proxectos que trouxeron felicidade para o colexio caionés, tales como os dous premios no certame Quero Cantar

Nada de sombrío nin de escuro ten A Sombra dos Soños. Que pode saír mal se non houbo día de curso escolar no que Carballido non entrase no colexio cun saúdo alegre e a asubiar... ¡Abertas as contratacións!