Unhas cereixas que brillaban como o sol

s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Na feira de Paiosaco vendéronse toneladas da froita, de gran calidade e moitos prezos

07 jul 2026 . Actualizado a las 00:34 h.

Pouco despois das nove da mañá de onte xa había xente mercando caixas de cereixas na Feira das Cereixas de Paiosaco. ¿Fame de froita? Posiblemente, e ademais é boa para hidratarse e refrescarse, mais a certeza da calor que ía chegar, si ou si, pouco despois, animou a moitos a adiantar as compras e, polo menos, levalas para os coches. Había que ver as ringleiras de persoas coas bolsas ou caixas pola estrada principal, cara os aparcamentos sobre todo, os arcéns e cara onde cada un podía, porque coches había abondos. Sempre os hai na feira de Paiosaco, pero non todos os primeiros ou terceiros domingos tés unha festa de interese turístico galego ao teu dispor.

Pola praza estaban distribuídos, máis ou menos, medio cento de postos de venda. Dende xente particular cos seus poucos quilos ata vendedores cun despregue de medio e de centos de caixas que non daban feito, con cola longa como as que sempre se ven no posto dos queixos e ata na do polbo. Caixas de dous e de cinco quilos, sobre todo, e a granel. Quilos a tres euros e medio, e tamén a seis. Como todo, depende da calidade, da prestancia, do sabor, da lei da oferta entre o que ofrece e o que demanda. Por momentos, era un non parar de vender, como se as cereixas non esperasen. Letreiros do Jerte, de Cáceres, do Bierzo... Cereixa miúdas unhas e outras que parecían mazás do grandes e vistosas, cunha cor de repinaldo que chamaba por un. Mágoa de calor: se así estaba ben, como sería cunha brisa ou algo de nubes.

Tamén o Concello tiña actividades, como o obradoiro de cociña, ou un posto para degustar té de cereixa e limón, ou de soda italiana de cereixa, ou tartiñas con marmelo. E había tamén un posto con información turística da Laracha e da bisbarra, e todo o que se supón que hai nas festas, empezando pola taberna da comisión. Pola tarde houbo que suspender a actuación de Queiroga, polo sol. Despois xa foi pechando algo, hora era.