Como director da Banda Municipal de Música de Carballo teño a sorte de vivir situacións que van máis alá do puramente musical. Unha delas é a presenza de pais e fillos compartindo atril dentro da mesma agrupación.
Podería dicirse que isto non é o máis habitual, xa que a maioría das veces o alumnado segue o seu camiño formativo de xeito independente. Porén, cando isto sucede, convértese en algo moi especial.
No noso caso, hai pais e nais que levaban anos sen coller o instrumento e que, por acompañar aos seus nenos, acabaron recuperando a ilusión. E mesmo hai quen deu un paso máis e comezou de cero cun instrumento, enfrontándose a ese reto coa mesma motivación ca os máis novos. E iso, como director, é moi bonito de ver porque xa non falamos só de formación musical, senón de compartir tempo, esforzo e emoción dentro dunha mesma familia.
Eu valoro isto moi positivamente, xa que a banda gaña moito a nivel humano. Créase un ambiente máis próximo e máis unido, como unha especie de identidade compartida. Os rapaces ven nos seus pais un exemplo de esforzo e constancia, mentres que os pais tamén entenden mellor o compromiso e a dedicación que lles pedimos aos seus fillos. Todo iso suma.
Ademais, para min ten tamén un punto persoal importante. Eu tiven a sorte de vivir algo parecido, de compartir vinte e tres anos de traballo e paixón pola música cun familiar moi próximo: a miña muller [María Jesús Fraga], na Orquestra Trébol. Sei o que é ensaiar, actuar e medrar musicalmente ao lado de alguén da túa casa e sei que iso crea un vínculo especial que vai máis alá da música.