Mañá, nova cita coa dramaturxia na localidade: avanza Teatro con Salitre. Ás 21.00 horas, con acceso libre e de balde
19 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • Aínda coa lembranza de Sol fuerza, xa vai camiño de pasar unha semana e mañá volverá tocar teatro en Caión. Avanza o ciclo Teatro con Salitre, de iniciativa municipal, e desta volta quen subirá ás 21.00 horas ao escenario do centro sociocomunitario vai ser o recoñecido actor Evaristo Calvo. Baixo o selo de Producións Teatrais Excéntricas, levará á vila Mala vida e pior morte de Ricardo III, unha montaxe unipersoal na que o propio Ricardo III cuestiona a visión e imaxe deformada que del deixou William Shakespeare. Era tal encarnación do mal? Tal conspirador? Tal monstro? Tal asasino? Tal home sen escrúpulos?
Calvo afondará na cuestión a través da ironía e o xogo metateatral, armando un monólogo ben completo co que xa ten deixado moi boa crítica durante o seu paso polo FIOT de Carballo. Daquela, a escenificación fora nun aserradoiro do Tarambollo, en Sofán. «Marabilloso disparate», «maxisterio histórico», «elocuencia verbal», escribira logo daquela sesión Santi Pazos nas páxinas de La Voz. Caioneses e visitantes non terán máis que achegarse ao edificio da balea, pois o acceso é libre e gratuíto, ata completar aforo.
E no resto da comarca...
Non será esta a única cita co teatro esta fin de semana na Costa da Morte. Tamén mañá, venres, estarán en Carballo Ana Hermida con A historia en feminino (18.00 horas, Agra de Caldas) e Carlos Blanco con A penúltima (21.00, Pazo). O sábado, Talía Teatro en Cee (20.15, Artur Ui, o ovo da serpe) e o Mago Teto en Vimianzo (20.30). O domingo, Migallas ás 12.00 en Cerceda.