O Abaladoiro | Miguel Sande, con música de César Morán, presentou «Desertos» en Espiral Maior Foro
01 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Como «palabras deixadas ao silencio do deserto» que «rompen as esgazaduras do tempo», pero «entrañable» e «entre amigos». Así foi a presentación do poemario Desertos de Miguel Sande entre cadros e libros de versos no espazo Espiral Maior de Carballo. Foi o venres pola noite, nunha case deserta rúa Sol. Miguel Anxo Fernán Vello tivo verbas laudatorias para o autor, «home de letras e das letras», «distinto, un autor singular, cunha estética literaria traballada» e que trae unha «linguaxe nova».
Sande divide o seu poemario en tres apartados: o deserto físico, en contraste coa soidade nunha gran cidade (Londres) e o deserto interior e íntimo. Foino debullando entre aplausos dos presentes mentres César Morán, músico, poeta e lingüista, foi interpretando acompañado da súa guitarra pezas dun novo disco. Comezou con Todo pode esperar, que tamén é o título do documental que este ano lle dedicou Borja Casal, lembrouse do Pindo e do Facho noutro dos seus temas, continuou con Música en si e rematou cantando a Rosalía. Un goce. Como di Miguel Sande no libro, «non hai nada máis perfecto que o mirar».