Así comeza unha das máis recentes dedicatorias para a colección aspirante a récord Guinness de Ángel Patricio Rodríguez Argibay, quen comezou hai medio século a custodiar e alimentar un marabilloso Archiv der Ewigkeit finden (Arquivo da eternidade'), como o califica Steffen A. Pfeiffer, autor de Entre o incenso e o vento, que xa engrosa tamén a colección. O arquivo de Ángel é singular e magnífico, pois atesoura case cinco mil libros asinados polos seus respectivos autores.
Afirma o escritor Pablo d'Ors que «na vida de todo coleccionista chega o momento no que o seu interese polo obxecto que colecciona é desprazado á colección mesma; entón, non importa xa o valor do novo exemplar adquirido senón unicamente o seu número no cómputo total». Porén, Ángel Rodríguez —pese a que afirma que lle resultaría imposible sacar tempo para ler todos e cada un dos libros da súa inmensa biblioteca—, valora cada un non como un mero compoñente máis senón como un pequeno tesouro en si mesmo.
Eu teño o honor de coñecer a tan formidable coleccionista en persoa, así como de compartir os seus estantes con autores tan sublimes como os premios Nobel Camilo José Cela, Mario Vargas Llosa ou Vicente Aleixandre. O derradeiro libro que Aleixandre dedicou antes de morrer, de feito, foi precisamente para Rodríguez Argibay, que insiste sempre, non obstante, en que para el son todos iguais.
Este artigo vai para ti, Ángel, amigo, e fago miñas as palabras de Steffen dicindo: Grazas por preservar a alma dos libros e a memoria dos seus autores. Grazas pola túa ardua dedicación a tan valioso Archiv der Ewigkeit finden, unha obra monumental que, inevitablemente, achará o seu merecido recoñecemento.