Unha moza de Zas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Foto de arquivo da malograda xornalista Mabel Montes.
Foto de arquivo da malograda xornalista Mabel Montes. ANA GARCIA

25 ene 2026 . Actualizado a las 19:54 h.

Non son demasiado de escribir obituarios, mais este era inevitable porque calquera mostra de afecto a Mabel Montes é de recibo. Ela era solidaria, audaz, elocuente, capaz de manter a conversa máis culta e memorable con calquera. Os cafés con Mabel eran auténticos relatorios onde sentías que estabas ante unha verdadeira literata. A miúdo, penso como o destino pode levar sempre ás persoas máis boas e xenerosas, deixando un mundo inhóspito e, asemade, máis frío. Fai falta moita xente como ti, querida. Eras comprometida, intelixente, ademais de ser unha xornalista impecable que se soubo adaptar á radio e aos focos da televisión. A xente quedaba abraiada co teu léxico coidado, sen ningún castelanismo, ca demostración implícita da linguaxe galega que amosabas en cada periplo, explicando o tempo dos próximos días. Na radio tampouco defraudaches, reinventácheste cun programa propio, Atmosféricos, que obtivo recoñecementos merecidos. Falabas do tempo, pero tamén alegrabas ata o día máis escuro ca túa dicción, co teu sorriso. Nos últimos tempos, sinto non ter estado máis presente. O que máis me impresionaba de ti é que nos teus momentos difíciles sempre te preocupabas polos demais, eras empática, marabillosa con tódalas letras. De seguro, habías ter algún defecto tamén, pero eu nunca o detectei, así que comezo a dubidalo. O teu amado Zas, Lamas, os Premios Fouciño, os teus amigos, familia e espectadores, xamais te esqueceremos. Persoas coma ti deixan unha pegada tan profunda que é dificilísimo eludila. Fuches das primeiras persoas en crer en min e, iso, xamais se esquece. Volveremos un día a reencontrarnos nas augas de Caronte para falar de nubes de evolución.