A porcentaxe de lápidas en galego no cemiterio de Caión, a «sorpresa» na área coruñesa
CARBALLO
O catedrático Elisardo López Varela foi o encargado de visitar o camposando da localidade, así como de Sorrizo (Arteixo)
12 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Area a area faise praia», sopesaba onte o catedrático Elisardo López Varela, exdirector do instituto Eusebio da Guarda da Coruña. Da súa man, como participante do proxecto de recollida Palabra e Memoria, chegou a que polo momento —queda moito traballo por diante— é a «sorpresa» da área metropolitana coruñesa. «Por proximidade xeográfica», Elisardo foi o encargado de visitar os cemiterios de Sorrizo (Arteixo) e «o novo» de Caión, na Laracha. No primeiro punto, de 154 propiedades só localizou tres que empregasen o galego nas lápidas, menos dun 2 %, pero no caso caionés, de 429 lápidas correspondentes a 110 pantéons familiares, localizou 30 mensaxes neste idioma, o que supón ese 19 % que se lle atribúe á Laracha, pois polo momento é o único camposanto visitado do municipio.
«Foi un alegrón para Penabade [Bernardo Penabade, coordinador de Palaba e Memoria] cando llo trasladei no seu momento», rememoraba onte Elisardo, quen fixo este percorrido en xullo do pasado ano. Ao seu xuízo, todo parte da «concienciación da xente»: «Moitas veces faise en defecto por castelán porque así se fixo sempre, e se o queres en galego, has de solicitalo. Suponse que en Caión houbo xente que deu ese paso adiante para a normalización da lingua tamén nas placas». Algo que se da máis nas máis recentes, aínda que con algunha excepción.
O 19 % caionés tamén destaca na propia Costa da Morte, para a que no mapa interactivo de momento non constan datos en dez municipios. Si os hai, por exemplo, para Cabana (2,14 %), Laxe (6 %), Zas (4,60 %), Corcubión (2,5 %) ou Vimianzo (1,15 %). Emma Pedreira, Lidia Caamaño, Xosé Caamaño ou Álex Quintáns foron os encargados de proporcionalos.
Xa ten sido contado en La Voz o caso particular de Álex (Cee, 2008), que apenas iniciando a secundaria percorreu 32 cemiterios na procura de lápidas en galego. Nesta comarca hai máis de 200 camposantos, polo que o traballo de campo será longo, con casos documentados en San Cremenzo de Pazos (Zas), Cee, Carballo ou Ponteceso. Téñense feito no Couto, Carballo ou Salto (Vimianzo) actos de promoción deste idioma nos actos fúnebres. No cemiterio de Nande (Laxe) están algunhas das primeiras lápidas en galego desta comarca, as dos pais do sacerdote Manuel Castiñeira, xa falecido: anos 75 e 78.