Chega a gran festa anual da regueifa

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Organización e participantes na cuarta edición dos Premios, en xaneiro do 2025
Organización e participantes na cuarta edición dos Premios, en xaneiro do 2025 BASILIO BELLO

A quinta edición dos Premios Galegos promovidos por La Voz reunirán no Pazo da Cultura de Carballo o 10 de xaneiro o mellor da improvisación oral

28 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda moitos lembran aquela final man a man entre mestre e alumna, aquela elegante regueifa ao pé do público entre o pontecesán Suso de Xornes e a coristanquesa Lupe Blanco que se saldou con vitoria para o primeiro. Aguilloada, respectuosa, de admiración mutua, pero con moita, moita retranca. Mais daquilo, custa crelo, xa pasou un ano e toca festexar de novo. A gran festa da regueifa en Carballo xa ten data: o vindeiro sábado 10 de xaneiro, ás 18.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura. Será a quinta edición destes Premios Galegos da Regueifa que promove La Voz de Galicia dende a súa redacción en Carballo, e que conta co patrocinio de Calvo-Nauterra, da Xunta de Galicia —a través da Secretaría Xeral da Lingua— e do Concello carballés.

A cita, inmellorable xeito de darlle a benvida ao 2026 logo de toda a actividade de Nadal, reunirá na capital de Bergantiños, recoñecido berce desta manifestación da arte popular, a grandes referentes da regueifa e a novos talentos. Estará a vella garda, aquela que aínda garda a esencia do innato; estarán os furacáns que revolucionaron e reviviron este xeito de comunicar e estarán esas novas fornadas que chegan co mellor dos desexos: gozar dunha velada na que se exalta o que vén de atrás, pero dende o contemporáneo. A mecánica do encontro será similar a anteriores edicións, cun primeiro apartado expositivo por parte das escolas de regueifa, e un segundo de concurso propiamente dito. Garde a data e vaia con tempo, pois as butacas do auditorio do Pazo ateigáronse todos estes anos: o acceso é libre ata completar o aforo.

A maiores das voces xa confirmadas, La Voz de Galicia ten habilitado un prazo para que aquelas persoas que regueifen e estean interesadas en participar poidan facer a súa carta de presentación. Así, antes do 2 de xaneiro deberían enviar un vídeo cunha regueifa propia dun minuto de duración ao correo eventos.carballo@lavoz.es. De así considerarse, serán contactados para a súa presenza nestes Premios.

O auditorio do Pazo, ateigado de público en xaneiro do 2025, na cuarta edición dos Premios. Na imaxe, o momento da decisión final
O auditorio do Pazo, ateigado de público en xaneiro do 2025, na cuarta edición dos Premios. Na imaxe, o momento da decisión final BASILIO BELLO

O público volverá ter a última palabra logo das cribas que vaia facendo o xurado  

Na edición do 2025, a cuarta, os Premios Galegos da Regueifa de La Voz de Galicia, tamén chamados Espalla Rimas, incorporaron unha novidade: o feito de que fose o público o que tivese a última palabra do certame. Emitiron os presentes o seu veredicto mediante un sistema de cartolinas de cores, e así volverá ser de novo este ano. Logo de tres vitorias consecutivas para Lupe Blanco, en xaneiro do ano pasado o elixido foi Suso de Xornes.

En quen recaerá este ano? Quen será o mellor regueifeiro ou regueifeira de Galicia? Para chegar a ese punto no que o público decida entre dous regueifeiros haberá antes outras fases, e aí será vital o xurado. Con temas de enfrontamento dialéctico que serán elixidos ao chou —e que o ano pasado foron tan diversos como o botellón, o veganismo, a dicotomía urbano-rural ou a elección das cantareiras como homenaxeadas nas Letras Galegas— irán avanzando as fases ata chegar á gran final. Din que o regueifeiro é un artista total, e o sábado 10 de xaneiro en Carballo será a ocasión de comprobalo. Dándolle pulo ao idioma galego, que tamén diso se trata, ferverán as ocorrencias rimadas, amosando a versatilidade do que é mesmo un xeito de estar no mundo.