Guadalupe Vázquez presentou en Cee un libro co que «remove conciencias»

M. L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, así como a alcaldesa, Margot Lamela, acompañaron á autora na presentación de «A voz silenciada»

25 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Na véspera do 25N, a docente e escritora Guadalupe Vázquez Formoso presentou en Cee o seu libro A voz silenciada, un volume que «non se limita a narrar, senón que conmociona, cuestiona, transforma. Un libro que é capaz de remover conciencias», indicou a alcaldesa, Margot Lamela, durante a introdución.

Personalizado na figura de Felisa, unha muller vítima de violencia de xénero, Guadalupe reflexiona sobre o sufrimento en silencio, sobre a sociedade que a miúdo mira cara outro lado e sobre o desafogo de verbalizar o que tantas outras persoas están a padecer.

Valentín García, secretario xeral da Lingua, tamén participou na presentación e destacou que a Costa da Morte é das comarcas nas que máis galego se fala. Este libro, dixo, emprega a lingua propia para narrar unha historia universal. Pola súa banda, a psicóloga e prologuista Lupe López afondou no ciclo da violencia.

Durante o acto, Guadalupe leu fragmentos da obra xunto co acompañamento ao piano de Miguel Blanco.