«Hay palabras que son de un vidrio tan delicado que si uno las usa una sola vez se rompen, vierten su contenido y manchan». Esta é unha reflexión que Rafael Chirbes pon na boca da protagonista de La buena letra. Algo así, penso, ocorre coa palabra silencio, que só con pronunciala parece que rachas co seu feitizo e traizoas o propio significado. Absterse de facer comentarios e calar durante un tempo debera ser unha obriga que nos permitise mirar cara dentro e reflexionar sobre o sentido que ten opinar permanente, en voz alta, de todo o que acontece. E tamén para que, ou quen, escribimos. Mais, como di Antonio Muñoz Molina, «amar el silencio y el sosiego es un grave inconveniente para quien vive en España». Razón non lle falta, pero non só pasa na mal chamada pel de touro. Afortunadamente xa non somos aquela «unidad de destino en lo universal» de José Antonio Primo de Rivera. Miren senón a que se acaba de montar en Francia coa convocatoria de eleccións lexislativas e a moi posible vitoria da ultradereita. O balbordo político-social é marca rexistrada da globalización. Grazas a internet, a xeneralización e democratización dos medios de comunicación e, como consecuencia, de desinformación e manipulación, esixen da cidadanía un estado de alerta permanente. Eu espero que aquí, polo menos, unha vez pactado o Consello do Poder Xudicial, nos concedan un pouco de sosego estival, (o debate sobre o sistema de elección deixámolo para outro día). A ver se a división de poderes funciona e tanto xuíces como políticos se dedican as tarefas que lles corresponden e deixan de enlamar o campo. Así que sendo consecuente, este abellón permanecerá en silencio ata setembro cando o FIOT33 erga o pano. Grazas por lerme e bo verán.