Catecismos

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

08 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lendo algúns artigos que se publicaron estes días con motivo dos 45 anos da Constitución española e escoitando a tantos políticos santificala, acordeime do catecismo. Porque, sendo palabra sagrada, é sometido a pequenas reformas estéticas e conceptuais, aínda que non afecten aos seus principios fundacionais, en cada concilio ecuménico. Na primeira votación democrática institucional que participei foi precisamente no Referendo constitucional e fíxeno afirmativamente, non porque estivera de acordo con todos os artigos, senón porque naquel momento entendín que se aquel pacto entre xentes tan diverxentes no aspecto ideolóxico era posible, algo de bo tería para esa ¿mal chamada? reconciliación nacional. O resultado, pese a todos os que votaron en contra ou se abstiveron por motivos de pureza diversa, pódense comprobar se revisamos a historia recente. Ese texto, tan aplaudido como rexeitado, permitiu gobernar á dereita e á esquerda, coa colaboración doutros grupos parlamentarios de diversa índole, para desenvolver leis que na Constitución só aparecen como epígrafes ben intencionados. E menos mal! Porque se, por xustiza, temos que recoñecer que se redactou dominada polos medos, tamén teremos que concederlle méritos evidentes. Agora ben, en política, os autos de fe han de ser, por norma, temporais. As sociedades cambian (non sempre para mellor, dependendo de quen valore), evolucionan e precisan de normativas que legalicen novas realidades. Así que como eu son máis pro conciliar que de catequese penso que a norma fundamental do noso sistema democrático tamén pode ser reformada en aspectos que quedaron anticuados e incluso nalgún artigo considerado intocable. Porqué non un referendo entre monarquía e república? Por exemplo, entre outros...