A vida nun caixón | A propósito de «El testamento», de Zum-Zum Teatre

santi pazos

CARBALLO

BASILIO BELLO

A obra está baseada nunha idea excelente, ben narrada

30 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezarei pola única obxección que eu lle poño a esta obra. Trátase máis dun problema técnico que conceptual. E ten que ver co uso de micrófonos nunha sala pequena, como é o salón de actos do Pazo, chea de xente. Penso que un actor de idade media con todas as facultades non debera precisar dese trebello. Neste caso, ademais, o volume estaba tan descompensado que mesmo parecía que o actor berraba, por veces, en vez de declamar como se debe. Tamén é certo que eu estaba sentado en primeira fila. Dáse o caso, por riba, que a esta obra, polo que conta, vaille mellor un ton intimista. Ou iso me parece a min.

E dito isto, destacar que a obra está baseada nunha idea excelente, ben narrada e estupendamente realizada. Falar da morte e do que quedará de nós cando morramos, serve de escusa para falar da vida vivida, en primeira persoa. Unha biografía real que se resume nesas pequenas cousas que gardamos nos caixóns e que cada vez que as vemos e tocamos evocan experiencias que pensabamos esquecidas. De xeito sutil e tenro vai debullando con nostalxia, e un chisco de humor, eses acontecementos familiares e persoais que marcaron as diferentes etapas do seu recorrido vital, afectivo e laboral.

BASILIO BELLO

Moi acertada tamén esa especie de mesa chea de caixóns que gardan os segredos, en forma de obxectos, que agora han de ser contados con sinxeleza, con sincera autocrítica e sen vergoña, con axilidade física e mental. Un debe rirse de si mesmo nalgún momento. E ese pequeno transistor reproduce programas de radio doutra época como o de Elena Francis, que escoitaba súa nai, ou esas cancións de antano.

Cousas que che fan pensar intimamente en que significou para ti a túa vida. Deixa no aire moitas preguntas: «Pódense deixar en herdanza as paixóns, as paisaxes da infancia?». Para aseverar finalmente que a maioría das cousas lévaas o tempo e a mala memoria.

Pódenme crer que ese pequeno defecto sónico, segundo o meu punto de vista, non lle resta valor a esta pequena xoia teatral que pecha este ano os OTNI, ese espazo alternativo e transgresor que lle aporta ao FIOT o selo máis vangardista. 

Wilbur, en la planta alta del mercado de abastos de Carballo
Wilbur, en la planta alta del mercado de abastos de Carballo BASILIO BELLO

«Piensa en Wilbur»

E para terminar, non podo esquecerme da última función da Rúa dos Contos. Wilbur coas súas acrobacias e o seu humor engaiolou a un público entusiasta e participativo que non parou de rir. Con todos os respectos, penso que fai un tipo de humor a lo bruto, cañí, sen prexuízos estéticos de ningún tipo pero sen unha soa palabra altisonante que puidese molestar a tantos nenos como había acompañados de seus pais. Vese que a fama circense, televisiva e cinematográfica deste estupendo clown está máis que xustificada.

Wilbur
Wilbur BASILIO BELLO

Miren como sería que ata eu que non son de risa fácil boteille un bo lote de inxenuas gargalladas. É o que ten o teatro, (e tamén a vida), no que con catro cousas sinxelas ben feitas conseguen que teña sentido seguir vivos nun mundo no que as traxedias non deixan de sobresaltarnos día tras día.

Saúde e longa vida…