Razo

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

basilio bello

11 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

publicación dunha foto da praia de Razo ateigada de coches, nada novidosa, abriu un caloroso debate nas redes sociais sobre urbanismo, ecoloxía, medio ambiente e, tamén, sobre a conciencia e compromiso responsable de veciñanza e gobernantes para tomar medidas serias ante tal desfeita. Mais o tema central era o transporte público. Escaso, por non dicir desaparecido. Sufrino eu ante a insistencia dun amigo manchego en visitar a costa carballesa.

Ningún conducimos, así que non tivemos outra que ir en taxi. Un dispendio para economías limitadas. Cando hoxe, con tarxeta de viaxeiro, grazas ás axudas do goberno central, pagas un mínimo aceptable. A empresa concesionaria, co permiso da Xunta de Galicia, leva anos recortando o servizo. Pero o deste ano é alarmante porque o fin de semana só hai un bus de ida o sábado, non de volta, e o domingo cero. Precisamente os días nos que a maioría da xente traballadora pode permitirse o ¿luxo? de ir á praia. Si, xa sei que case todos teñen coche, mais non pode ser escusa para xustificar o deterioro ambiental que supón tal avalancha de turismos nun espazo de tanta beleza e riqueza natural por non ter unha liña de transporte público axeitada. Sei que as competencias non son do Concello e que teñen reclamado por diversos medios o incremento do servizo. Pero, de seguir así, terán que explorar outras iniciativas máis contundentes sumando a veciños e oposición. Desoutras desfeitas urbanísticas como a da chamada Moraleja, ou que as autocaravanas invadan anárquicas montes e corredoiras, xa falaremos. Iso si, desexo que ese eterno Plan Especial, que por fin acaba de ser aprobado en pleno, poña coto a tanto desastre. Parece que refrescarse en Carballo sae caro.