Propósitos

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

03 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fin de ano sempre me fartou bastante. Tantas luces de cores, vestidos extravagantes que escapan da friaxe das noites de decembro e as badaladas de polémicas sobre se algunha presentadora ensina máis ou menos pel. En cambio, dende hai dous anos, boto en falta os fins de ano de toda a vida. Nun día tan único, son plenamente consciente de todo aquilo que nos arrebatou unha cousa tan minúscula que non chega nin a ser vivo. Este Nadal que está chegando ao seu fin, foi moito máis sobrio ca ningún outro. Ata semellaba que as felicitacións saían un tanto forzadas, por inercia.

Nas redes, circulaban as fotografías de alento e felicidade propias do Nadal. Copas de champaña douradas, mesas ataviadas coas mellores galas e incluso algún retrato de festa privada que chega a rozar a hipocrisía. Xa se dixo sempre que, quen fixo a lei, fixo a trampa. En cambio, nas despedidas de fin de ano en estados e comentarios, percibiuse certo pesimismo. Antes, a xente facía propósitos e chamaba á sorte en canto á saúde, o diñeiro e o amor. Nembargante, a xente este ano pedía que as súas vidas se mantivesen, sen melloras nin empeoramentos. Solicitaban a Deus, ao karma, ao ídolo de cada un que ninguén faltase nas súas casas, nin tampouco amigos e familiares.

Ben pode ser que, despois dun par de anos sumidos nunha pandemia mundial, nos esteamos volvendo mellores. Aínda o dubido bastante. Quizais sexan as consecuencias sociais ás que nos induce unha inflación e unha recesión que afecta psicoloxicamente. Quero pensar, ilusamente, que no fondo decatámonos de que as cousas esenciais non prenden do capitalismo nin do consumismo. É posible que aprendamos a valorar a vida cotiá, coma toda Humanidade, cando xa non a temos.