Todo volve por Nadal

Natalia Lema Otero

CARBALLO

06 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a friaxe que endurece á pel ao camiñar polas rúas ata as luces que brillan sen descanso, penduradas en cada un dos nosos concellos. Coido que este ano o Nadal vai ser máis duro para moita máis xente. A subida dos prezos abre unha brecha cada vez máis significativa entre familias. O noso país non é un país de pobrezas acusadas, é máis ben un lugar de desigualdades reais. Penso moito este días nas persoas que viven con apenas catrocentos euros dunha pensión non contributiva, do eloxiable e sacrificado que debe ser chegar a fin de mes con tal escaso emolumento, sen maior axuda.

Eu creo que xa non estamos valorando cear todos con ágapes e víveres gourmet. Creo, máis ben, que hai familias que este decembro non van ter acceso a alimentos básicos nin moito menos a ter quentura nas súas casas pola pobreza enerxética. Espero, dende logo, que todos os individuos que controlan os lobbys e fornecen unha inflación manifesta teñan a súa conciencia o suficientemente tranquila cando vaian durmir todas as noites. Coido que os colaboradores necesarios, gobernos e institucións, deben valorar centrarse nas necesidades reais da cidadanía e non na burocracia da que se nutre esta vella política, chea de tiras e afrouxas entre grupos.

Vivimos en tempos difíciles, quizais ás portas dunha longa recesión froito da segunda crise económica grande que sufriu Europa neste século. Unha crise onde esquecemos o valor dos produtores e onde o beneficio queda nas empresas eléctricas e nos intermediarios, tales coma as cadeas de alimentación abusivas.

Polo menos, que deixen de contarnos pantomimas e que non saian aos atrios coma emperadores romanos dicindo que estamos en tempos de gloria e loureiros.