O recuncho de Concha Blanco | A nova praza, que me elixiu a min

Concha Blanco

CARBALLO

BASILIO BELLO

Sempre será o meu lugar favorito con pegadas de amor no meu corazón

08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que as persoas descobren os seus lugares preferidos. Iso pensaba eu ata decatarme de que non sempre é así. Ao longo da miña vida fun dando con espazos que en diferentes momentos foron os meus favoritos. Desta vez o proceso da elección foi á inversa. Non o elixín eu a el, foi el quen me elixiu a min. Sempre as circunstancias coándose polo medio. Benvida sorpresa!

Falo da Praza Concha Blanco, que desde o pasado 12 de xuño é o meu recuncho favorito. Pola intensidade da emoción alí vivida. As dúas, a praza e eu, acollemos con ledicia, complicidade e sentimento, a xente que a onde nós chegou para arrouparnos con verbas agarimosas, aloumiños, sorrisos engaiolantes e olladas tenras.

Familia, amizades, veciñanza. Un reencontro imposible de esquecer. Nela, na praza, vive desde aquel día, invisible, un dos meus soños máis fermosos. A praza, o monólito, o pradairo e eu fundidos na memoria dunha lembranza imborrable. Sempre será o meu lugar favorito con pegadas de amor no meu corazón.