Ecos da Gándara: Salvemos os Penedos


Carballo / La Voz

Din que crean emprego os muíños de aire. Preséntenme a alguén que traballe nos eólicos e que estea no país, non traballando no estranxeiro. Que alguén me explique se na súa factura da luz ve reflexado que somos potencia en enerxías renovables, se existe contraprestación algunha. Pregúntense se os propietarios dos montes teñen algún poder negociador cando un representante da empresa chega á súa porta para explicarlles que teñen que vender. Explíquenmo.

Hai uns anos, ao pasar Caxadas, á man esquerda, había unha pista que anunciaba a aldea de Piñeiros. Un día, chegaron grandes vehículos transportando xigantes aspas. Tiveron que anchear as pistas forestais, quitaron as rotondas e encheron de barullo o lugar onde antes imperaba o silencio. Dende aquela, xa non hai un cartel que anuncie a aldea, hai un letreiro que di: Parque Eólico Monte Tourado. Fíxense, perdemos a nosa identidade coma os indios que viven en reservas ante o avance dos americanos. Desapareceu a denominación de aldea para dar paso ao parque eólico como ente fundamentalista.

Miren, coido que ninguén ten nada en contra dos eólicos. Corrixo. Dos eólicos ben planificados e con respecto polo medio. Das enerxías verdes. Non da barbarie funesta de encher os espazos verdes e protexidos de xigantes que nin o escritor de Lepanto podería representar nas batallas do Quixote e Sancho.

Cando un está nos Penedos de Pasarela sente paz. Encóntrase fundido entre a maxia irreal das pedras erosionadas e as formas imposibles coas que xoga a consciencia. Pensen en tan virxe espazo inundado de aspas e de carteis de perigo por alta tensión. Non vendamos ata a nosa propia alma con tal de pensar nun progreso que tan só é escarnio e poderoso atraso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ecos da Gándara: Salvemos os Penedos