Quen coida de ti?

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

01 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen coida ao coidador? Canto tempo teñen para durmir? Cantas veces poden pechar os ollos sen a preocupación de que a persoa dependente que teñen ao cargo se magoe ou teña unha caída? Penso que poucas veces nos fixemos esas preguntas, coñecendo todos de primeira man esta realidade, nas nosas familias e nas nosas vilas.

Na meirande parte das veces, os coidadores son mulleres, quizais pola herdanza cultural equívoca de que as fillas son as únicas que teñen o encargo de coidar dos pais, dos fillos, dos seus homes. Eu quixera poñerme nos zapatos das persoas coidadoras para facerlles ver o seu traballo tan arduo. Hai persoas que dedican toda unha vida coidando dos seus, apenas durmindo, velando por facer máis leves as eivas dos enfermos.

Quizais nunca te paraches a pensar que as persoas coidadoras non profesionais non cotizan coidando dos seus familiares. Ás veces, nin sequera teñen pensión, nin axudas para sufragar os enormes gastos que supoñen unicamente os enseres de hixiene ou as terapias de motricidade. Non obstante, o seu é un traballo invisible, apenas recoñecido pola sociedade. Certamente, incluso se dá por suposto que é a súa obriga, que non teñen dereito a declinar o rol imposto. Eu quixera darlle o meu recoñecemento a todas aquelas persoas que, descoidando as súas propias necesidades, loitan por sacar adiante a persoas encamadas, en cadeira de rodas ou con capacidades diferentes. É unha mágoa que como tribo sexamos incapaces de quitar barreiras arquitectónicas na rúa e estigmas socias tan afincados por desgraza en nós. Eles existen, constitúen un piar fundamental para facer un mundo inclusivo. Mais todos necesitamos coidados. Incluso os anxos que demostran o amor incondicional aos seus.