Eu son Balbino

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

11 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Confeso que eu tamén me sentín un Balbino, coma quen di un ninguén. Poderoso mantra que se fixa nas nosas mentes coma unha relixión. O mesmo lle pasa aos arxentinos coa súa Biblia gaucha, Martín Fierro. É pura idiosincrasia.

O libro de Neira Vilas está de aniversario, sesenta anos dende a súa saída do prelo. Significou para un feixe de xeracións o orgullo predilecto de vir dunha familia labrega. Acórdome que, cando dicías na escola que teus pais tiñan vacas, eran todo risas. Coma se fose un oficio de segundas. Coma se aqueles que botaban gargalladas non tivesen avós ou mesmo pais que se dedicaban ao mesmo oficio. Os mesmos que non semellaban decatarse que non estábamos na cidade senón nunha escola cuxos veciños botaban na leira do lado as vacas a pastar. Fíxense vostedes nos complexos intrínsecos e do desprezo gratuíto que ofrecemos e sentimos por veces as propias xentes do rural.

Por iso, cando lin tanto Memorias dun neno labrego coma o Catecismo do labrego, sentinme profundamente identificada cos sentimentos de nostalxia e mágoa allea por aqueles que deprecian a nosa propia identidade. É preciso saber de onde vimos para coñecer a onde queremos ir. Polo que a min respecta, non podo estar máis orgullosa da labor que realiza miña nai cada día.

Fíxense que creo que hai moita xente á que lle falta autoestima, que se deixan levar por estereotipos e tópicos que pouco teñen que ver coa realidade. Coido, por iso e máis, que calquera galego séntese máis representado coa obra de Neira Vilas e non con bandeiras nin días da patria.

Todos fomos nenos labregos, dende logo. O importante é que continuemos séndoo para que nunca nos esquezamos que o mundo precisa máis Balbinos e menos Manolitos.