Villar traduciu ao galego a obra deste ordense, que narrou a súa experiencia en campos de concentración
12 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Os recentes acontecementos impediron que o autor ceense Miro Villar, doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, puidese presentar publicamente o seu último traballo: a tradución ao galego da obra Alambradas, na que o ordense Manuel García Gerpe recolleu as experiencias vividas durante os nove meses que pasou en campos de concentración.
O descoñecemento da figura de García Gerpe é tal, conta Villar, que nin sequera foi quen de atopar un exemplar do libro en castelán en ningunha biblioteca galega. «Non é coñecido nin nesta zona nin en ningunha outra fóra do ámbito universitario», asevera, mentres conta que o galego foi un destacado avogado, político, xornalista e escritor que tivo un papel importante e de responsabilidade na dirección de Izquierda Republicana.
Tras loitar en Madrid, Aragón e Cataluña, retírase en febreiro de 1939 e cruza, xunto con milleiros de españois, a fronteira francesa polos Pirineos. Condicións extremas que narra con dureza nos primeiros episodios de Aramados, unha obra de «ficción autobiográfica» que bebe da súa propia experiencia vivida durante o confinamento en diferentes campos de concentración. Matiza Villar este último termo, pois durante o nazismo adquiriron unha connotación diferente á orixinal, máis asociada ao exterminio. As condicións de vida eran durísimas, pero non tiñan por obxectivo a aniquilación dos prisioneiros.
Outro dos aspectos que destaca o ceense é que Manuel García Gerpe rompe coa idea romantizada dos ideais republicanos. «Cando se están artellando os primeiros barcos para fuxir a América, el reflicte as tensións, as pelexas e as liortas entre os diferentes partidos por colocar cada un aos seus. Tamén critica que quen organizaba os buques -dende París, lonxe da crúa realidade dos campos- privilexiase a segundo quen», narra Villar.
Editada por Alvarellos, que recuperou as fotografías que estaban presentes na edición orixinal, esta peza é unha excelente ferramenta, indica o ceense, para «coñecer de primeira man o éxodo español a Francia, así como a experiencia neses campos de concentración, moi ilustrativa».