Milleiras


Coma en moitas casas, na miña, os esfolladores quedaron sen uso. Agora nin sequera hai ferreiros que elaboren tan sinxelas pezas forxadas, desapareceron. Quedan os que se fixeron naqueles anos onde eran precisos para quitarlle a tona á espiga, separar cada folla con celosía ata deixar ao descuberto os grans maduros ou ás veces aínda con leite. En setembro, case sempre a comezos, coincidindo co final do verán e o inicio das clases, sempre estaba a milleira. Época senlleira onde se alternaban as horas de calmuzo coa friaxe da xeada á noitiña. As historias que se contaban á beira das palleiras eran froito das horas metódicas, ancestrais. Tempos onde os veciños aínda se vían, non coma agora que apenas desfechamos as portas na agorafobia que nos inunda. Tempos onde todos se axudaban.

O millo da miña infancia tamén era diferente. Nada de grans iguais e amarelos. Era desigual, de cores, ás veces medio negro, ás veces entre amarelo e vermellón. Nada de millo alterado xeneticamente. Era o que se gardaba de ano en ano, o melloriño, a semente que habitaba como o legado das facendas labregas, gardado en sacos secos ou artesas baleiras.

As máquinas déronnos moito, aforráronnos moitos esforzos. Así o fixeron as sementadoras de catro regos, as colleitadoras estadounidenses e os carros xigantescos. Malia todo, arrebatáronnos moitas outras cousas, como o relato latente dos avós ensinándolle aos netos como descubrir unha espiga cun esfollador. Permítanme entón que teña sentimentos encontrados nestes tempos de milleiras, sumidos entre profunda nostalxia e pandemia. Non será posible unha simbiose entre o moderno e o antigo, entre o milenario e o progreso?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Milleiras