Somos nós os que non poñemos en valor o que temos

josé marcote suárez

CARBALLO

Ana Garcia

PLUMAS CON MANDO | O concepto de Finisterrae é anterior ao cristianismo, que empregou esta vía para a súa doutrina

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Historia General del Reino de Galicia podemos atopar relatos como estes que transcribimos de seguido: «Dicen las historias que el camino de Santiago fue de Jerusalén a Finisterre de Galicia; y dicen también los anales eclesiásticos y es constante que en todo este espacio de tierra y sus adyacentes fue en donde más floreció el evangelio…». «Comenzando por Jerusalén y sus contornos, en donde floreció Cristo, su santísima Madre, sus Apóstoles y discípulos, en donde por tanto comenzó la Iglesia y de donde salió Santiago para Galicia y comenzando a caminar a Finisterre, dejase a la mano derecha la Siria…».

As xentes que escribiron estas cousas, axudaron a crear algo moi valioso, para a nosa comarca, para Galicia e para España. Estes escritos e outros máis, dannos unha idea da antigüidade do concepto do Finisterrae, que por suposto como vemos é anterior ao cristianismo, e ten moito que ver co concepto da fin da terra coñecida, da terra onde o sol se poñía nese mar tenebroso, provocando ese espectáculo que leva desde tempos inmemoriais fascinando á humanidade, que é o solpor da fin mundo.

Este espectáculo, arredor do cal se crearon mitos, crenzas, rituais pagáns e toda clase de lendas. Este patrimonio inmaterial é o que fixo que a xente anterior ó cristianismo puxera rumbo a estas nosas terras e, despois, o cristianismo empregase esta mesma vía para a expansión da súa doutrina, creando o Camiño de Santiago, o apóstolo que predicou na fin do mundo.

Non sei cantos Finisterres hai no mundo, pero poderiamos dicir que é unha especie rara, somos poucos, e coma case tódalas cousas que escasean, moi valiosos. Tódolos países que teñen un Finisterre trátano como un valor turístico de primeira clase. Sei que non peco de localista se digo que a nosa fin do mundo é a máis coñecida, e a máis significativa de todas elas, pero por desgraza, somos nós os que non poñemos en valor o que temos.

Cabo de Fisterra

O Cabo de Fisterra, como símbolo principal desa nosa fin do mundo, obtivo no seu día o selo de Patrimonio Europeo, outorgado pola Comisión Europea. Isto demostra o valor que ten para Europa, este punto da súa xeografía. Este selo perdeuse por «falta de actividades relacionadas coa posta en valor do patrimonio, sobre todo inmaterial, que xustificaron a consecución do devandito selo». Isto demostra que as Administracións europeas son conscientes do valor do Finisterrae, pero a Administración competente en materia de turismo e patrimonio, que é a Xunta de Galicia parece que non o ve así, e ao peor, a comarca de Fisterra tampouco.

No faro de Fisterra debería haber xa hai moito tempo un centro de interpretación do patrimonio inmaterial relacionado coa fin do mundo, onde transferir ese coñecemento a tódolos visitantes que alí se achegan, e facer actividades de posta en valor do patrimonio. Cando expuxen esta idea en Turismo de Galicia contestáronme que «hai moitos centros de interpretación que se crearon e agora non vai ninguén a eles». Isto demostra unha ignorancia supina sobre a afluencia de xente ao faro de Fisterra, o cal é imperdoable para o ente que dirixe Turismo de Galicia, cando todo o mundo di que é o segundo punto máis visitado de Galicia, despois da Catedral de Santiago.

O faro, que non deixa de ser unha pequena catedral da navegación, leva pechado cinco anos, deteriorándose interiormente. Dende a Administración local levamos pelexando tamén cinco anos para poñer en valor este activo turístico sen moito éxito. Nós non temos nin medios nin competencias para elo. Turismo de Galicia, como Administración responsable do turismo da nosa comunidade, non pode ignorar a existencia dun valor turístico de primeira orde como é o noso Finisterrae, que é moito máis que Camiño de Santiago, que tamén.

Esta reflexión deberiamos facela tamén a nivel comarcal, xa que, ás veces, as nosas accións parece que van máis encamiñadas a destruír o noso patrimonio que a poñelo en valor. A fin do mundo é patrimonio de todos. Probablemente isto non me tocaba dicilo a min, pero alguén tiña que dicilo.

José Marcote Suárez é o alcalde de Fisterra (PSdG).