Por que votamos?

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

15 jul 2020 . Actualizado a las 13:28 h.

Aindecisión de ir votar nas eleccións asolaga a moitas persoas nos días de campaña. Eu penso, humildemente, que hai catro razóns polas que nos decantamos nunhas eleccións. Votamos por ideas, ideoloxías, partidos políticos ou persoas. Coido que nas eleccións locais prima sobre todo votar pola confianza nas persoas, o trato directo. Non obstante, hai persoas que votan ferreamente a un partido ao longo da súa vida, aínda que sexan conscientes das súas eivas. Outras priman ante todo ese concepto cada vez máis distorsionado de dereitas, esquerdas e centro. Despois sempre hai xente indecisa, que opta por decantarse a través de ideas rompedoras que moitas veces non se levan a cabo nas lexislaturas e acaban en promesas electoralistas. Navegando polas redes, encontrei o outro día un extracto dun mitin moi interesante. O candidato agradecía ás persoas asistentes por escoitalo e facía unha interesante reflexión: a xente ten medo a ir un acto político por ser sinalado. Inaudito que nunha democracia real existan aínda eses pensamentos. Calquera pode escoitar a un veciño falar de política, expoñendo o seu proxecto sen ser expresamente un votante ou un simpatizante dese partido en concreto. Habemos de ter algo claro. Estamos nun país que ten a posibilidade de sacar peito, despois de tanta escuridade en canto a dereitos fundamentais e liberdades públicas. Todos temos o dereito de votar a través do voto libre, persoal e universal. Nas urnas vale igual o voto de cada un de nós, independentemente do noso traballo, dos nosos estudos ou de calquera criterio discriminatorio. Cada un, coa súa papeleta na man, ten a posibilidade de achegar o seu gran de area para mudar o país.