Trinta anos do achado do xigantesco Santo Cristo de Meanos

xosé maría lema

CARBALLO

XOSE MARIA LEMA

Crónica histórica | Agroman novos datos sobre a construción da igrexa zasense de San Martiño

04 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Investigando no Libro de Fábrica 1777-1855 de San Martiño, Evaristo Domínguez e quen subscribe atopamos novos datos sobre a construción da igrexa parroquial de Meanos e mais sobre o xigantesco Cristo de pedra do seu interior. Veranse con máis detalle cando apareza publicado o libro Zas polo miúdo. A igrexa reconstruíuse case por enteiro a partir de 1792, ano en que se inician as obras da capela maior, de boa cantería, cuberta cunha bóveda de aresta. No seu interior, no muro leste, situouse un novo retablo, que seguramente xa esta feito con anterioridade, pois en 1790 pagáronse 300 reais ó pintor Francisco Bermúdez Barca pola súa pintura. Trátase dun retablo de boa calidade que se engloba dentro do estilo barroco-rococó propio da época, con columnas barrigudas cos fustes moi decorados con cintas e formas vexetais e rocallas na parte superior dos paneis. Presídeo unha imaxe do patrón, san Martiño de Tours.

Para acometer as obras da nave, dinos o párroco que tivera un longo preito cos veciños: «Unos por no querer hacer el acarreo de materiales, y otros porque era duro aprontar los caudales de la Cofradía y Fábrica». Por fin, en 1810, empezan estas obras, das que se encarga Ignacio García, mestre canteiro de Mira, que tamén será o autor da fachada, con ese corpo central adiantado en planta. No libro de fábrica citado hai unha nota, redactada polo crego, que nos chamou a atención, na que se afirma que en 1804 recibira a cantidade de 1.680 reais para a reedificación do templo por orde do bispo de Santander. Non se cita o nome do bispo, pero sabemos que se chamaba Rafael Menéndez de Luarca e que era asturiano. Ignoramos a súa relación con Meanos.

A torre-campanario ten un baseamento elevado a grande altura e está conformada polo corpo das campás e unha cúpula bulbosa sobre un tambor octogonal. En 1826 estaba traballando nela o citado Ignacio García de Mira, que cobraría oito mil reais por ela e dous mil pola casa da fábrica. En 1831 introducíuselle a campá grande.

Perigo de caer

Tamén temos algúns datos novos sobre o xigantesco Cristo de pedra (1,43 metros de altura) que en 1990 operarios da empresa de Andrés Cancela de Zas descubriron baixo terra cando empezaron a cavar no chan dunha caseta lateral para botarlle un novo piso. Fora un acontecemento que acaparara titulares da prensa (de La Voz en particular). Seguimos pensando que a imaxe data de mediados do século XVII e que se pode encadrar dentro dun barroco incipiente, aínda cos trazos manieristas. No libro de fábrica aparece unha nota do visitador pastoral de 1792 advertindo que «al lado del Evangelio [o da esquerda do espectador] hay un colateral patronato de legos en advocación de Sta. Lucía, y en el un Crucifijo de piedra de mayor cuerpo con peligro de caerse». O cura avisou ó patrono da capelanía, Francisco Oreiro, para que antes de un mes asegurase este crucifixo «o en su defecto se vaje, y se construia otro de madera». Pois está claro que a opción que tomou o tal Oreiro foi a segunda, aproveitando as obras na igrexa do primeiro terzo do século XIX, e nos libros parroquiais xa non se volve falar del. Daquela, cando unha imaxe se retiraba do culto, había orde de queimala se era de madeira e de enterrala se era de pedra. Este foi o caso, e alí estivo soterrada nas dependencias do lado norte da igrexa ata que se desenterrou o 5 de xuño de 1990, xusto hai agora trinta anos. Fora boa a reacción dos fregueses en volver ó culto a imaxe, que quedou exposta onde se atopara. Mágoa que non o dispuxeran en posición vertical nunha das paredes, que sería como estivo no seu día.