A cabalo entre a cidade e a aldea

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

29 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana chegou ás miñas mans o libro de Jaime Izquierdo, La ciudad agropolitana, la aldea cosmopolita. O volume é un rigoroso e extenso ensaio sobre a relación inexistente e moi necesaria que conectaría a aldea e a cidade contemporánea. É imposible en tan ambiciosa lectura non coller lapis e ir anotando as ideas que acoden á mente ante tan poderosa interpelación á organización de dous hábitats tan diferentes.

Ambos lugares, encóntranse como di o autor, nun momento de grandes retos. A cidade enfróntase a unha densidade de poboación moi por enriba das súas posibilidades, cuns recursos máis que escasos. A aldea, en contraposición, loita co reto demográfico máis importante da súa existencia, na decadencia se non empezan as reformas.

Habería que reorganizar por exemplo os cultivos que vemos aos nosos ollos: espazos naturais protexidos sen aproveitamento algún, monocultivos ineficientes e eucaliptais que o enchen todo na nosa matria, por exemplo.

Cando lía as reflexións do autor, non puiden esquecer algo que me veu á cabeza, o famoso Plan Gasset ou o posterior Plan Badajoz, elaborado por verdadeiros tecnócratas, que definiu a paisaxe da España actual. Para uns continúa sendo un absoluto fracaso, e para outros nostálxicos, define o cambio e o legado póstumo do réxime, cando a idea se remonta a antes da Guerra Civil. Unha diverxencia de opinións onde o que está claro é que fallou non unir todo aquel investimento hidráulico cunha industrialización patente.

Recomendo a todos os lectores que boten unha ollada profunda ao libro que comento. Se este mundo xa desvalixado por nós mesmos busca un futuro posible, habemos de deixar os estigmas e considerarnos, bilateralmente, cidadáns da aldea e da cidade.