Roberto Traba Velay: Cando o covid-19 afecta ás neuronas

«O outro día, por exemplo, tirei os calcetíns na taza do retrete en troques de facelo no cesto da colada. Foron para o fondo como se fosen un chumbo», conta o hostaleiro fisterrán, entre outras facetas


Isto do confinamento estame afectando ás neuronas. Dígoo porque ando un pouco despistado ultimamente, máis que nada á mañá, cando me levanto. Debe ser porque non estou acostumado, e porque nos tempos de antes do coronavirus espertarme era toda unha rutina: saltaba da cama, dábame unha ducha e ía directamente para A Galería. Así practicamente todos os días. Porén, agora levántome máis canso, ata semella que me doen as pernas e os cadrís. Antes nunca me doía nada, non tiña tempo, porque ao espertar o único no que pensaba era en que tiña que abrir o bar por se había alguén agardando. Agora nada máis abrir o ollo xa me poño a matinar e con tanto matinar váiseme o santo ao ceo e non fago máis que cousas raras. O outro día por exemplo tirei os calcetíns na taza do retrete en troques de facelo no cesto da colada. Iso si, apuntar apuntei ben porque foron para o fondo coma se fosen un chumbo. Por non falar da cafeteira exprés. Esa é outra. Xa irá pola enésima vez que a boto no lume sen poñerlle o café. Ninguén o vai crer, pero o outro día metinlle a mostaza en vez do leite condensado.

Non imaxinades a cara de parvo que me queda cando me pasan estas cousas. Debe ser a mesma que poño cando abro o frigorífico e fico absorto mirando para el como se estivese contemplando unha fantástica paisaxe. Menos mal que no me ve ninguén e o conto queda na casa.

Nos primeiros días déuseme por pintar. Debín manchar dous pixamas, unha chaqueta e tres «niques». Quen vira a roupa non sabería se estivera pintando as paredes ou deseñando algo para Zara. A cousa é que as neuronas non paran e con tanto darlle voltas á cabeza non consigo equilibrar o que estou pensando co que estou facendo, porque agora, d. c. (despois do coronavirus) a cabeciña non para.

Éche o que temos os autónomos, que nestes tempos vivimos nunha dúbida existencial ou nunha eterna incerteza. Non sabemos se pagar primeiro o seguro, e que espere a hipoteca ou ao revés. Menos mal que deseguido recupero e ás doce máis ou menos xa estou ben. A vida volve.

É como se por arte de maxia alguén tocase o interruptor das dendritas e todo trocase ao sitio. Semella que algo extraordinario arranxase a calamoucha e unha sabia voz dixese polo baixo: Xa pagarás, haxa saúde.

Entón descorro que toca ir ao súper aínda que estea a neveira chea, así que saio e doulle a volta a medio pobo. Así aproveito. Saúdo a dous que van polo peirao e a un señor de bigotiño que vai cun paquete e non coñezo. Será un repartidor que me contesta moi efusivamente.

Ler e escribir

En fin, que chego á casa e empezo a facer cousas, repaso unha vez máis algún capítulo da novela que ía a publicar o Día das Letras, escribo un divertimento para a radio, remexo nos caixóns, ordeno fotos que levan confinadas en carpetas hai xa décadas, saco do armario un pantalón, meto un chaleco na gabeta e tiro unha camisa.

Chega o momento de subirme á bicicleta estática. Aí si que si! Podo dicir que xa subín o Tourmalet un par de veces seguindo a estela de Indurain como se nada. E que teño a bici xusto fronte o televexo co canal teledeporte. Case sempre están co Tour. Unha vez ata pensei que levaba o maillot amarelo e todo. Cousas do confinamento.

Acaba a etapa e hai que ler un pouco. Grazas ao virus volvo de novo a ler porque teño moito máis tempo. Agora estou cun libro que se titula O home que se converteu en Deus. Non está mal. Tan ben está que xa é hora de cear. Non sei que preparar, pero seguro que haberá xeados e chocolate e moitos froitos secos e rinchóns de bolsa. É para compensar a subida ao alto da montaña.

Total que cando me decato estou tombado no sofá ollando sen oír o televexo. Pensando nas queimadas, no dentista, nas cadeiras e nas mesas que merquei para o bar e non chegaron, no tempo que me queda para a xubilación, nos netos e nos fillos, en mil cousas, pero sempre matinando en que cando acabe todo isto teño que retomar o amor. Como di a canción: «Y así pasan los días suspirando, suspirando....».

Xa penso que cando acabe todo publicarei a novela, así que doulle un repasiño a un capítulo. E así pasan os días.... suspirando.

DNI

Roberto Traba Velay (Fisterra, 57 anos) é impulsor de innumerables actividades culturais en Fisterra. É hostaleiro e ten escrito ou colaborado en varios libros. Ten o bar A Galería, xa mítico, ademais do Albergue de Paz. E agora é un camiñante voraz. Leva anos percorrendo o Camiño de Santiago e a súa prolongación a Fisterra.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
3 votos
Comentarios

Roberto Traba Velay: Cando o covid-19 afecta ás neuronas