Un mesmo corpo

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

06 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Miña avoa é unha muller sabia. Cada suco na súa pel é un recordatorio dunha vida e centos de historias. Aínda sen ter estudos, ten a habilidade de ler entre liñas, de ter pensamento crítico. Por iso, podemos comentar dende múltiples perspectivas as comparecencias do Goberno. Falamos moito daqueles nenos que non poderán entregar a tempo os seus traballos e avanzar no curso académico por falta de medios e recursos económicos, por non falar das telecomunicacións. Son nenos da aldea pero tamén da cidade, onde a pobreza infantil e a desigualdade son moito más severas. É imposible implantar o estudo telemático aos nenos se non se dotan a todos das mesmas oportunidades e ferramentas.

O outro día, o presidente Sánchez falaba con citas literarias de que todos somos membros dun mesmo corpo na loita contra a COVID-19. Resulta contraditorio cando cada cargamento de axuda chega con logos ben grandes de empresas, cando non de partidos políticos. Se fósemos todos remeiros sumaríamos recursos sen publicidade en tamaño A3. Cando queres facer unha boa obra, de corazón, non son necesarios os golpes no peito.

Miña avoa tamén podería dicir centos de citas proféticas pola súa boca. Podería poñerse coma Churchill e dicir que unha cortina de aceiro se cerne sobre Europa. Dulcina, unha das únicas 118 españolas que conservan este nome tan inusual, é máis pragmática. Ela unicamente olla pola ventá e di: «Algúns están rindo e con outros chorando, así comezou o mundo e así se irá acabando» . Ela é unha filósofa do seu tempo, demostrando que a observación a través da experiencia é a mellor fonte de coñecemento colectivo. Comprendan vostedes como non podemos deixar que unha enfermidade nos arrebate aos nosos maiores.