O amor en tempos de cólera

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

23 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Están os tempos difíciles, convulsos. Estabamos tan acostumados a calma e ao mal chamado Estado de Benestar que vemos como cada naipe do castelo se derruba: a familia, o traballo, o diñeiro ou a saúde. As realidades doutras partes do mundo eran nada máis que noticias internacionais que cubrían espazos mentres xantabamos tranquilamente vendo o televisor. Algo así como cando estoupa unha bomba en Kabul, séntelo, pero está lonxe e non o vives co mesmo sentimento que se fose un atentado terrorista na veciña Francia ou nas Ramblas. O ser humano é así de egoísta ás veces. Dóenos quen nos doe e tristemente iso fainos, en parte, menos humanos e máis animais.

Como diría Arantza Portabales, todo pasa por algo. Quizais sexa o momento idóneo para crear un punto de inflexión nas nosas vidas e definir que tipo de sociedade queremos conformar nun futuro. Se cadra decidimos que non precisamos un rei obsoleto que non ofrece unha representación digna na nosa nación, nin en tempos de crise. Un rei que nin goberna, nin manda, unha secuela da Transición.

Hoxe, tócanos ser responsables cando menos. Facer caso ás autoridades sanitarias e ficar na casa. Non é algo imposible de facer. Nosos avós foron moi valentes. Acordareime toda a vida dun ancián que coñecín de pequena, ao que lle faltaban varias falanxes nas mans. Cando ousei preguntar dixéronme que preso da desesperación por ter que ir ao Servizo Militar cortara varios dedos, sen anestesia nin calmantes, para poder ser exonerado do requisito. No seu caso non lle foi posible, foi un esforzo en van.

Non obstante, recórdoo xa na súa vellez con aqueles dedos mutilados froito da máis temible desesperación. Evidentemente, o noso papel é moito máis doado.