Marxinados

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

21 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo momentos nos que parecía que o mundo se podía facer igual para todos: esa ilusión de que todos somos iguais e temos os mesmos dereitos. É unha bonita ilusión que figura na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, pero na práctica semella unha utopía. Chega con ver os que a diario enterran os seus soños nas augas do Mediterráneo, as vítimas inocentes das guerras, os que non teñen acceso a medicamentos básicos ou os que nin sequera gozan da oportunidade de aprender a ler ou escribir o idioma que falan. Pero tamén aquí entre nós. Rapaces que dunha maneira ou doutra acaban en institucións de acollida. Como a historia que conta o exdirector do instituto Alfredo Brañas, no que tamén foi profesor de latín, Pepe Carballude, na súa novela Marxinados. Unha historia, dise, de persoas que viven, en certo modo, fóra do mundo que para a gran parte da sociedade é cotián. Xente que, dalgún xeito, perdeu o tren das oportunidades mínimas para levar o que se diría unha vida normal, por mor da miseria, das drogas e dos problemas que xorden na parte de abaixo da vida. Carballude escribe unha historia chea de momentos de grande emoción. Unha segunda oportunidade para uns, a traxedia para outra que acaba por converterse en mártir da solidariedade e incluso unha historia de amor, sobre todo de amor aos demais, a entrega sen medida. Esta obra de Carballude leva a un a ir a velocidade de vertixe dun feito para outro. É un libro con pegamento, que un non se pode desfacer del ata que o remata. Marxinados, ademais dunha novela, é unha gran lección de vida. E todo moi preto de nós.