En primera persoa | «Aprendín a facer mentres facía. As mans acabaron en carne viva. Hai que furar moi fondo para plantar unha árbore», escribe Fernando Castro
09 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Esta non é terra de cereixas. Iso foi o que todos me dixeron cando decidín plantar unha cerdeira no xardín. Non vai dar nada: a humidade, a chuvia, o nordés... Aínda así, planteina. Que outra cousa podía facer? Foi un regalo da miña nai, á que os froitos vermellos e carnosos lle lembraban unha árbore moi querida baixo cuxas pólas se criou, hai disto varias glaciacións, nunha aldea remota das montañas asturianas.
Unha tarde de inverno puxen mans á obra. Escollín un lugar recollido, a carón da cabaceira, para que estivera protexida do vento e das xeadas, coma se eu soubese algo de ventos e xeadas. Fíxeno ás agachadas, á última hora, cando a luz xa estaba caendo, polo que dirán. Non quería que ninguén do lugar me vise e se burlase da ineptitude agrícola do veciño urbanita reubicado na casa nova. Non sabía como coller a legoña. Non sabía nin o que era unha legoña. Fixen o que puiden. Aprendín a facer mentres facía. As mans acabaron en carne viva. Hai que furar moi fondo para plantar unha árbore.
O meu can, Pachín, mirábame con certa displicencia, deitado ao meu carón, cos ollos medio pechados, a piques de durmir. Era un can miúdo, branco, con manchas castañas no lombo e arredor dos ollos, coma se levase un anteface. Sentía na súa mirada a condescendencia paternalista de quen está de volta de todo. Daquela era xa un can vello, que sabía da vida todo o que había que saber e só ignoraba o que había que ignorar para ser sabio.
Pero Pachín non sempre fora vello. Chegara á miña vida trece anos atrás, sendo un cadeliño rebuldeiro, algo rosmón, cheo de personalidade e mal xenio, e axudárame, nun momento en que todo cambaleaba, a recuperar o equilibrio. Cando te perdes, o teu can sempre sabe atopar o camiño. Púxenlle o nome do can de Balbino en Memorias dun neno labrego. Non podía ser doutro xeito. Os enfermos de literatura non sabemos facer nada que non cheire a papel poeirento e a tinta de imprenta.
Plantei a cerdeira e, contra todo prognóstico, prendeu. E cando tocaba saíronlle floriñas brancas, pero o aire levounas todas e non houbo cereixas.
Pouco despois morreu Pachín. Unha enfermidade que non avisou levouno antes de tempo. Sempre é antes de tempo. Cando na novela de Neira Vilas Balbino atopa o corpo estarricado do seu amigo entre unhas queiroas, envelenado polo solimán contra o raposo, entérrao na horta e derriba del, a modo de lousa, planta unha árbore. Por suposto, tiña que ser unha cerdeira.
Eu plantei unha cerdeira para cumprirlle un desexo á miña nai. Ou iso era o que eu cría. Cando Pachín nos deixou, aquela árbore que chantara no xardín sen saber moi ben o que facía converteuse en algo moi distinto. Non era unha homenaxe a unha vella lembranza nostálxica dunha infancia remota. Era o símbolo dun auténtico destino literario que tomaba forma ante min sen eu pretendelo. Os enfermos de literatura..., xa se sabe. Fixen o que tiña que facer: depositei as cinzas de Pachín debaixo da cerdeira. Non houbo sentimentalismos nin cerimonias. Tiña de ser e foi. Algo natural, coma a choiva, o verdor da herba ou o chío dos paxaros.
A Balbino parecíalle ver en cada gromo da árbore un ollo ou un dente de Pachín, e escoitar os seus ladriños abrollar desde as raíces. Eu tamén sinto os ladros do meu Pachín, e a humidade agarimosa das súas lambedelas, e a calor do seu corpo pequeniño enrolado coma un nobelo no meu colo, e véxoo buligando entre as miñas pernas coma unha chispa para trabarme nos nocellos a xeito de brincadeira, e o brillo dos seus ollos escuros, penetrantes, cada vez que pecho os meus. Non preciso estar a carón da cerdeira para facelo. É de min mesmo, das miñas propias raíces, de onde procede todo iso, porque Pachín está dentro de min e sempre estará ata que volvamos perseguir gaivotas, correndo coma condenados en contra do vento, felices coma os nenos que sempre fomos cando estabamos xuntos, sentindo nos pés a caricia da area mollada, nesa eterna tarde soleada no Rostro que nos meus soños é a definición do paraíso.
Mentres escribo isto vexo desde a fiestra a cerdeira, aínda nova, pero forte e vizosa, alzando as pólas cara o ceo. É unha tarde triste e chuviosa. Todo é gris. A bruma cobre ao lonxe a agra de Toba e o monte do Son.
Eu sigo, coma o poeta, agardando o milagre. A ver se este ano temos cereixas.
Nace en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. É licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce coma profesor de ensino secundario no I.E.S. Fernando Blanco de Cee. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. É autor dos poemarios Caderno de don(i)celas, Coma se nada sucedese e Excrementos (todos eles accésits do Premio Francisco Añón de Poesía); do relato O espacio exterior (Premio de Narrativa Historias Na Universidade) e das pezas teatrais Pallaso (Premio Varela Buxán), No ventre da balea (accésit do Premio Jenaro Marinhas del Valle), A derradeira bala (Premio Roberto Vidal Bolaño), Amorodo agre (Premio Rafael Dieste), Ofelia ou o cabeiro da cóbrega (Premio Nova Dramaturxia Galega Actual), Papiroflexia e Animais de compañía.