Xugos ás costas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

02 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantas veces lin nos libros de historia que no pasado as economías das unidades familiares se sustentaban maioritariamente por homes. Canta falsidade agochan tan breves palabras. As mulleres levantaron o mundo sobre as súas cabezas. Ocupáronse dos fillos, das tarefas domésticas e das súas propias finanzas.Comerciaban as leiteiras cos camións os ferreños de leite, traían cestas de xardas polas aldeas ou vendíanlle na feira os ovos aos criados dos señoritos. Ducias de ovos que carrexaban polos camiños nas súas cabezas, termando de que non escachase un ben tan prezado e escaso naqueles días de fameira nas casas. O pulso nas súas cabezas, literalmente.

Na vida, as mulleres galegas e as mulleres en xeral, levaron ao lombo demasiados xugos, suficientes para curvar a feitura dos seus lombos. As mulleres de hoxe en día non soportamos tales traballos e non obstante aguantamos outros pesos intanxibles ás nosas costas, os chamados teitos de cristal que ás veces semellan máis ben gaiolas. Parece que temos que estar constantemente demostrando a nosa valía perante o mundo. O día que unha política obteña o mesmo recoñecemento ca un home polos seus méritos teremos feito un avance importante. Xa falo de grandes chanzos. Hai moitas pequenas cousas que mudar no ámbito cotiá. Nunca haberá motivo suficiente para xustificar a violencia de xénero. Cómpre tamén que un día como o 25 de novembro non se desvirtúe cara a mercadotecnia e as vendas. A finalidade dun día así é a reflexión. Nada máis.

As mulleres do século XXI non queremos soportar nas nosas cabezas un peso imposto. Preferimos elixir a nosas propias batallas. Sen preferencias de xénero nin discriminacións positivas. Simplemente de iguais a iguais.