Invasores

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

28 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

primeiro verán que vin un cangrexo americano era moi pequena. Gabeaba con sixilo no monte anexo á miña casa, sen présa, con esa parsimonia de quen ten toda a vida por diante para gabear cimas e montañas. Nunca tal víramos. Que feo, que vermello, que garrido cando o intentabas coller e se che poñía erguido, alzando as súas pinzas como un Don Quixote coas lanzas. Aquel verán foi o predecesor de moitos outros. Agora case que normalizamos a súa aparición cando son foráneos, invasores e depredadores das especies do hábitat no que viven. Por iso e moitas outras cousas, hai menos troitas. Aquel verán do 2007, cando as augas baixaron tanto, eles quedaron ao descuberto tamén, xunto os peixes, só que eran tan agudos que se agochaban entre o lodo dos fondos.

Estes veráns vexo poucos, debe ir a súa poboación a menos, nada que ver con aquel ano que vos conto, onde nas leiras, nos camiños e nos regos sempre había ducias. Aínda me acordo da batalla encarnizada da miña cadela cun deles. Semellaba unha praga bíblica. Eu non podo falar dos culpables. Pero haber, hainos. Son aqueles que se encargan de contaminar espazos cases virxes con especies foráneas, que actúan dunha maneira nociva para o ecosistema. Eu non son de crer nos chemtrails, nin nas Administracións que veñen á noite a soltar especies para fin ocultos e sen valorar o impacto na zona. Penso que iso, verdadeiramente, non existe.

Non obstante, alguén foi. Ningún pescador que usase cebo vivo sería capaz de causar unha proliferación tan extensiva en tan pouco tempo. Por todo iso, é primordial que haxa un control exhaustivo e procesos de investigación a posteriori.

As velutinas, por exemplo, xa matan en Galicia. Na nosa responsabilidade individual e colectiva reside a solución.