Ritos da noite

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

15 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Amiña primeira columna para a Voz estaba relacionada xustamente cos ritos e as tradicións galegas de orixe pagán. Hoxe volvo a este tema por mor da Semana Santa. Eu son unha persoa á que lle gusta a Semana Santa de recollemento, sen algarabía. A sensación de sentirse minúscula dentro de calquera igrexa románica galega. Tamén me gustan as historias xeradas arredor destas datas. Cando os vellos están dispostos a contar historias de medo, hai que deixalos. Gústame cando enfocan a mirada cara o baleiro, coma se a vida pesase tanto coma pesadas lousas ás súas costas. Logo, tan só é escoitar as historias sobre ánimas que escapan dos pousos da súa boca.

Hai pouco chegou ás miñas mans un libro sobre lendas santiagueñas. De Santiago de Estero, en Arxentina. Máis aló do valor sentimental polo amigo que mo agasallou, sorprendeume a similitude das lendas arxentinas coas galegas.

A meirande parte delas están protagonizadas por gauchos, labregos da terra, campesiños coma nosos avós. Si, os mesmos campesiños que inmortalizou José Hernández na xa universal obra Martín Fierro. Obra mestra para min da literatura iberoamericana.

Pois resulta que, as aparicións de luces nestes distritos de clase campesiña era frecuentes, que os asubíos da noite tamén tiñan un compoñente demoníaco ou que o canto do Crespín para eles é un signo de mal augurio coma para nós o canto da pega ou do corvo. Incluso hai unha lenda que se asemella moito á navarra, sobre o espírito do bosque, neste caso o basajaun.

Resulta case inverosímil que aínda co océano por medio, a xente labrega arxentina e galega teña tantos nexos comúns ante aparicións e manifestacións descoñecidas, cun claro compoñente esotérico.