Recoñezo que teño unha tendencia voyeur: a de espiar as fotogalerías da Voz e as do bar Plaza de Ribeira. Diranme que de voyeur nada, porque non hai que espialas polo ollo dunha fechadura e ademais, a xente é ben consciente de quen os vai ver.
Si, as fotogalerías están visibles na web deste xornal e no Facebook, pero iso non me quita a sensación de pecado lercho: ver como visten, quen se xunta, de quen vén sendo a ou con quen anda be.
Negar a nosa curiosidade lareta non ten sentido ningún: é inevitable e mesmo moi divertida por permitirnos rir dos nosos propios prexuízos. O outro día, observando de vagar unha foto dun xantar de Castelao coa colonia emigrante en Nova York, crin ver alí uns cantos dos bisavós dos que hoxe posan nas inauguracións de asadores e nos eventos parroquiais cunha caña na man.
Pregúntome que se pensará destas fotogalerías de eventos de La Voz de Galicia dentro de 100 anos. Seguro que tentarán entender as amizades e os sentimentos, faranse películas interpretando xestos fortuítos e desafortunados e, sobre todo, tentarán recoñecerse en nos malia a distancia marcada polas modas, as alturas e o groso tamaño das nosas redondas caras.
Estes días, lendo a Scott Fitzgerald, decateime do sofisticada que pode ser a arte de deducir a unha persoa polos seus xeitos, peiteado e roupa, máis alá do confesable.
Se cadra no futuro as fotogalerías de La Voz de Galicia revelen aos nosos devanceiros moitas verdades invisibles que descoñecemos de nós mesmos.