Soutos e fragas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

13 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O souto é un lugar cheo de castiñeiros, explotados polo home dende hai séculos, en perfecto equilibrio coa natureza para o aproveitamento de madeira e castañas. A carballeira é o equivalente sendo carballos as súas árbores. Unha fraga é un lugar poboado de distintas especies de herbas, fentos e liques. Os tres hábitats acollen unha gran diversidade de fauna e flora, lugares nos que se escoitan as andoriñas, as rulas, cucos ou carrizos, conformando un universo de cores e sons. Son lugares nos que nacen as setas, conviven os vermes e outros mamíferos salvaxes necesarios téñena como fogar. As follas das árbores autóctonas teñen a forma e tamaño adecuados para evitar que a auga da choiva chegue ao chan con virulencia, erosionándoo e arrastrando a vida de superficie. As pedras están recubertas de brión e de centos de especies menores necesarias para alimentar a fauna.

Soutos, fragas e carballeiras son necesarios para a vida das persoas, evitando a desertización, e posterior desertificación -territorios sen persoas-. Pola contra, os eucaliptos non reteñen a auga, favorecen a erosión da terra e afastan todo tipo de fauna e flora, favorecen os incendios forestais e fan fuxir aos animais na procura de comida nas aldeas. É un clamor estendido entre os galegos conscientes e intelixentes a deseucaliptización, elixida palabra do ano 2018. Tamén o informe encargado polo Ministerio de Agricultura ao Comité Científico ditamina que o eucalipto é unha especie invasora que arrasa con todo tipo de vida por ser velenoso e mortal.

Unha Galicia chea de eucaliptos será un país morto.