Réplicas da crise

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

06 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unión Europea deu por rematada no 2018 a crise que Steve Keen vaticinou no seu libro A economía desenmascarada (2001) e que coñecemos no 2009, cando xa levaba un ano nos mercados internacionais. Unha crise cuxas drásticas consecuencias son sobradamente coñecidas por todos nós, sobre todo os relacionados coa construción, por ter sido o motor económico deste país. Os arquitectos veteranos prexubiláronse, colocáronse na Administración ou ben se arruinaron, e os mozos nin sequera chegaron a ter acceso á profesión. Os especialistas das distintas áreas da construción ou ben emigraron a outros países, ou ben se colocaron noutros sectores. Da estrutura existente no 2008 non queda case nada.

Miles de vivendas agardan unha segunda oportunidade e os inchados prezos están tocando chan ou están por debaixo do custo de construción. Unha realidade dramática e impensable, sen antecedentes. Cando comezabamos a ver os primeiros guindastres nas cidades e pensabamos na recuperación, saen á luz as reflexións do Nobel de economía Paul Krugman sobre a saúde dos mercados internacionais definindo «os medos mundiais» polas inestabilidades políticas que fan cambalear os mercados.

Os expertos de El orden mundial concordan con Krugman en que os desequilibrios pódennos sumir en réplicas da crise outros dous ou tres anos, e bótanlle a culpa á situación da curva cupón cero. Lonxe de tecnicismos, podemos enfrontarnos coas mesmas consecuencias que tivo a segunda emigración galega: os que saben emigran e os que quedamos perdemos a cadea de transmisión dos oficios e construiremos peor.